A sentenza do urbanismo en Barreiros: o xuíz admite “dúbidas”, pero entende que non houbo dolo

O maxistrado cuestiona que o comportamento dos acusados fose "totalmente legal", pero argumenta que "non aparece con claridade que actuasen sabendo a inxustiza que cometían"

Praia de Remior, con casas na liña de costa. AXM

Alfonso Jiménez Marín, maxistrado do Xulgado do Penal nº 2 de Lugo, absolveu ao alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, a cinco edís do equipo de goberno de 2006 –José Manuel Gómez Puente, Lorenzo Penabad Bolaño, María Alina Rodríguez, Eulogio Menéndez e José Rojo– e á arquitecta municipal, Marta Geada Arca, dun delito de prevaricación urbanística pola suposta concesión irregular de 45 licenzas durante ese mesmo ano, en pleno bum da construción.

A sentenza, que consta de 37 páxinas, establece “tres bloques de actuación” segundo as irregularidades imputadas aos acusados.

Un deles refírese á concesión de 41 licenzas a outras tantas promocións, para preto de 3.000 vivendas, en terreos que carecían de urbanización básica, constituída por viarios perimetrais e redes de servizo de abastecemento de auga, evacuación de augas residuais, rede de saneamento e subministro de enerxía eléctrica”, segundo as acusacións.

Outro dos bloques é relativo a tres autorizacións para a construción de piscinas, pistas polideportivas e áreas de xogos, consideradas irregulares polas acusacións ao entender que invadían solo rústico segundo a normativa existente.

Finalmente, abórdase a concesión por silencio administrativo positivo, de xeito supostamente ilícito, dun permiso para outra promoción.

LICENZAS A 41 PROMOCIÓNS

No tocante ao primeiro dos casos, o xuíz considera que “o tema a dilucidar céntrase na clasificación do solo urbán como consolidado ou non consolidado” e en se as parcelas para as que se concederon as 41 licenzas “podían adquirir a condición de solar mediante obras accesorias e de escasa entidade”.

Neste senso, o maxistrado argumenta que non hai unha “conclusión uniforme” sobre esta cuestión entre as testemuñas periciais de defensa e acusacións.

o xuíz cre que non hai “consenso” sobre se os terreos onde se permitiu construír “poderían adquirir a condición de solar” con obras menores

Así, asegura que por parte destas últimas “non se acreditou cun mínimo de rigor no plano técnico, que non existiran redes de suministro e servizos urbanísticos, alomenos básicos, ao pé das parcelas onde se outorgaron as licenzas controvertidas”.

Edificio nun terreo destinado á gandería. ADEGA

Ao contrario, sinala o xuíz, respaldan a afirmación dos peritos da defensa “datos reais e obxectivos como son as fotografías expostas no informe pericial” dunha das testemuñas.

Un dos fundamentos da defensa foi responsabilizar da concesión de licenzas á secretaria municipal, que asegurou que advertira ao equipo de goberno nunha xuntanza sobre as supostas irregularidades cometidas e as súas consecuencias; unha reunión que negaron os acusados e outra testemuña, o fontaneiro municipal.

a secretaria municipal “NON AVISOU DE ILEGALIDADES en ningún expediente”, RESALTA O MAXISTRADO

No escrito, o xuíz resalta que “en ningún expediente” dos emitidos pola secretaria “consta unha advertencia de ilegalidade no caso de aprobarse as licenzas”.

Así, e malia que admite que Fuente Parga “mantén unha postura certamente desconcertante, en canto se ampara e alega descoñecemento en moitas das cuestións que se lle presentaron por parte das acusacións, e non obstante manifesta que as aprobacións das licenzas basáronse principalmente en que contaban cun informe técnico favorable”, o maxistrado conclúe que non houbo dolo por parte do rexedor nin dos outros acusados.

Cabe preguntarse se a actuación dos acusados foi totalmente legal ou axustada á lexislación vixente, o que nos entraña certas dúbidas”, sinala o maxistrado, que non obstante expón que “a resposta non pode ser rotundamente positiva” á pregunta de se “a súa actuación estivo desprovista de toda interpretación razonable do ordenamento xurídico. Non aparece con claridade meridiana que actuasen sabendo a inxustiza que cometían”, asevera.

a sentenza atribúe ao alcalde unha postura “certamente desconcertante”, pero conclúe que a súa actuación non foi dolosa

PISCINAS E ZONAS RECREATIVAS

No relativo ás licenzas correspondentes a piscinas e zonas recreativas, a sentenza xulga que “a normativa reguladora en dito momento” foi declarada “nula de pleno dereito” polo Tribunal Supremo en 2014, o que “deixa sen efecto este motivo de ilicitude penal”.

SILENCIO ADMINISTRATIVO

Finalmente, no tocante á licenza concedida por silencio administrativo, o xuíz non aprecia indicios de irregularidade, nin por parte da arquitecta municipal nin por parte dos membros da xunta de goberno, aos que “ninguén expuxo cuestións de fondo ou a existencia de resolución algunha de suspensión de licenzas”.

IRREGULARIDADES ADMINISTRATIVAS

Como resumo, o maxistrado considera que non existe unha vulneración da normativa o suficientemente grave como para supoñer a comisión dun delito, polo que entende que se trata dunha cuestión que pertence máis ao dereito administrativo có penal.

“non deben someterse a procedementos penais persoas cuxas condutas son reprochables noutros campos xurídicos”, expón o fallo

Non só non deben perseguirse os feitos que evidencian a falta de trascendencia delictiva, senón que tampouco teñen que verse suxeitas a procedementos penais persoas cuxas condutas ou ben non son claramente incriminables por falta de indicios, ou son reprochables en campos xurídicos distintos do penal”, razoa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here