O Concello de Ribadeo licita obras por valor de 575.000 euros nas once parroquias rurais

As empresas teñen 20 días para optar aos traballos de mellora dos camiños, que teñen un prazo de execución de tres meses

Pistas arranxadas nun núcleo rural do concello. AXM

O Concello de Ribadeo ven de licitar obras nas pistas e camiños das parroquias por un total de 575.000 euros.

As obras previstas afectan ás once freguesías rurais do municipio e inclúense en dous proxectos. O primeiro relativo aos accesos das entidades do interior, Cedofeita, Arante, Covela, Couxela e Santalla de Vilaosende. O investimento será de 294.000 euros financiado con fondos propios do concello.

Doutro lado, sácanse a concurso público traballos nas parroquias costeiras, Rinlo,  Vilaframil, A Devesa, Piñeira, Vilaselán e Ove, aos que se destinan 281.000 euros, procedentes de fondos municipais e da Deputación de Lugo.

As actuacións centraranse na mellora do firme con aglomerado asfáltico e no pintado das beiras “para mellorar a seguridade en momentos de pouca visibilidade”.

OBRAS NO VERÁN

Os pregos publicáronse na Plataforma de Contratos do Estado e na Plataforma de Licitación Electrónica do Concello de Ribadeo. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen de 20 días para facelo. O prazo de execución das obras será de tres meses.

O alcalde, Fernando Suárez Barcia, argumentou a oportunidade da licitación. “Foi agora cando superamos a complexidade da redacción  dos proxectos e a súa tramitación administrativa, e queremos que queden adxudicados para que, pase o que pase nas eleccións, poidan ser unha realidade neste mesmo verán”.

O rexedor subliñou que se trata “dunha das licitacións conxuntas máis importantes que se leva feito na historia do concello”.

 

 

 

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here