InicioM.ambiente e PatrimonioRibadeo presume do galeón mellor conservado do mundo

Ribadeo presume do galeón mellor conservado do mundo

O Concello sinala cunha praca o lugar da ría onde se atopa o navío de guerra do século XVI Santiago de Galicia, obxecto dunha investigación que se retomará en xuño

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, presidiu este xoves o descubrimento dunha praca de Sargadelos no porto da localidade para dar a coñecer o lugar no que se atopa afundido o Galeón Santiago de Galicia, un barco da Real Armada de Felipe II, que pasa por ser o mellor conservado en augas territoriais españolas e un dos máis avanzados do século XVI en “técnica construtiva”.

O barco afundiuse o 13 de novembro de 1597 e a tripulación foi auxiliada e acollida polos ribadenses.

No acto, ao que acudiron como convidados os rexedores asturianos dos municipios de Castropol, José Ángel Pérez, e Vegadeo, César Álvarez, así como o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, do arqueólogo Miguel San Claudio e da presidenta da Asociación Amigos del Galeón de Ribadeo, Ainoa López.

O rexedor explicou que a sinalización do lugar no que se atopa afundido o galeón forma parte dunha campaña emprendida polo Concello nos últimos meses para facer referencia en diferentes puntos do municipio a “feitos históricos” que sucederon en Ribadeo.

“Hai uns meses quixemos, en varias partes do casco vello, poñer informacións históricas de acontecementos que pasaran en Ribadeo nestes últimos séculos. Botamos man do noso cronista oficial para que nos axudara a rescatar da historia das actas do Concello, momentos do pasado. Pero quedábanos unha débeda pendente, non coa nosa parte continental, senón coa Ría de Ribadeo“, precisou.

MUSEALIZACIÓN

Pola súa banda, López lembrou que ao sinalizar a ubicación dáselle importancia como ben cultural ao galeón afundido, porque ata agora “pasaba desapercibido”. Desde o seu punto de vista, precísase un “exame exhaustivo” do pecio para que os técnicos determinen “se se pode extraer ou non” do fondo.

“É o que queremos, se se pode”, indicou López, “por todo o beneficio que suporía a exposición do galeón, non só para Ribadeo senón para toda a comarca”.

Fotogrametría do pecio. MIGUEL SAN CLAUDIO

O grupo de Facebook da asociación, que contribúe a dar a coñecer o pecio a través desta canle foi citado pola rede social como un dos máis singulares de Galicia.

INVESTIGACIÓN

Nese senso, San Claudio lembrou que “a idea” de momento, “é estudar o pecio, un navío de guerra do século XVI, que é o mellor conservado dos que coñecemos. Trátase, asegurou, “de estudialo cientificamente, para saber como se construíu e que avances tecnolóxicos incorporou” no seu día.

Por agora, documentouse que a embarcación foi construída con carballo do noroeste peninsular na máis alta tecnoloxía da súa época. A investigación, iniciada no mes de xuño do 2018 e na que participaron arqueólogos submariños de varios países, retomarase a principios do mes de xuño, previsiblemente do 1 ao 21 de xuño.

No tocante ao futuro do pecio, subliñou que “pode haber múltiples solucións” que “se analizarán no seu momento”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...