IniciosociedadeCampos, investigado por unha licenza de obras na Pontenova, atribúe a denuncia...

Campos, investigado por unha licenza de obras na Pontenova, atribúe a denuncia a Martínez

O presidente da Deputación declarará o vindeiro 12 de xuño, segundo avanzou o propio deputado non adscrito, co que mantén unha tensa relación desde 2015

Publicada o

- Advertisement -

O Xulgado número 2 de Mondoñedo citou para declarar o vindeiro 12 de xuño -ás 9.30 horas- ao presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, como investigado por un suposto delito de prevaricación administrativa en relación á denegación dunha licenza de obras como alcalde da Pontenova.

Así o avanzou nunha rolda de prensa este martes o alcalde de Becerreá e deputado non adscrito, Manuel Martínez, ex socialista que mantén un enfrontamento co executivo de Campos desde o inicio da lexislatura, no 2015. Un exemplo desta disputa foi a presentación de contenciosos contra os concursos de contratación das residencias conveniadas entre goberno provincial e Concellos, que foron tumbados pola Xustiza.

Martínez permitiu a investidura da alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, despois de que o PSdeG-PSOE decidise non apostar por el para presidir a institución ante o veto do BNG. Os nacionalistas xustificaran a súa decisión en que o alcalde de Becerreá estaba imputado non caso que foi arquivado no 2016.

Despois de que unha moción de censura levase a Darío Campos a dirixir a Deputación, Martínez rachou coa disciplina de voto dos socialistas en diversas ocasións co que favoreceu, por exemplo, que as competencias sobre as residencias as tivese Suplusa -onde o PP ten maioría no consello de administración-. Por todo isto foi expulsado do PSOE e relevado como vicepresidente provincial.

Campos deberá declarar un mes antes da constitución das deputacións provinciais, prevista para o 12 de xullo.

CAMPOS DI QUE O AVALAN “INFORMES TÉCNICOS”

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, confirmou que está a ser investigado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Mondoñedo, por un posible delito de prevaricación administrativa e que foi citado xunto co secretario do Concello da Pontenova.

Campos, que asegurou que “non se trata dunha imputación”, senón dunha investigación “por unhas obras de saneamento” na parroquia pontenovesa de Conforto, no ano 2009. O presidente da Deputación sinala que foi denunciado porque supostamente as canalizacións pasan por unhas propiedades privadas do denunciante, “cando se fixeron por terreos públicos“.

Así, engadiu que o denunciante, un tal “Eloy Castro“, é un familiar dun membro que forma parte da candidatura en Meira de Galicia Sempre. Esta formación é a marca política de Martínez, a persoa que desvelou a súa condición de investigado. “Blanco e en botella”, ironizou Campos, que criticou que Martínez se converteu “nun político que está para difamar, embarrar, como o fixo durante estes catro anos”.

O rexedor da Pontenova mostrouse convencido de que esta investigación é “simplemente para pechar o caso” e asegurou que o Concello respectou “os informes técnicos dos funcionarios. Nese sentido estou tranquilo, porque imos apoiados polos servizos técnicos da administración”, concluíu.

MARTÍNEZ PIDE “COHERENCIA”

Pola súa banda, Martínez pediu “coherencia” ao PSOE na situación de investigados da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e do presidente provincial.

Reclama ao partido socialista que aplique “os mesmos criterios” que se tiveron en conta tanto con el como co ex alcalde socialista de Lugo, Xosé López Orozco, apartados de ser candidatos no 2015 á Deputación e ao Concello ao pesar imputacións sobre eles.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...