Bloque Nacionalista Galego (BNG) e PSdeG-PSOE chegaron a un acordo para gobernar en coalición en Barreiros. A concelleira electa socialista, Carmen Veiga, apoiará a investidura da nacionalista Ana Ermida como alcaldesa despois de que as formacións pecharan este venres un pacto para formar o novo executivo.
Veiga asumirá á área de Asuntos Sociais e asumirá a Segunda Tenencia de Alcaldía, ademais de forma parte da Xunta de Goberno. No tocante ás retribucións, a socialista terá recoñecida unha dedicación parcial pola que recibirá 12.600 euros anuais. A alcaldesa, Ana Ermida, terá unha dedicación exclusiva pola que percibirá 29.000 euros anuais.
ACORDO PROGRAMÁTICO
Ademais, as formacións chegaron a un acordo para levar a cabo diferentes actuacións ao longo do mandato, entre elas a realización dunha auditoría, o inicio dos trámites para un centro de día ou a mellora da rede de saneamento das zonas costeiras.
“Tiñamos claro que había que cambiar de goberno e fomos xenerosos”, valorou Ana Ermida, que este sábado será investida cos votos dos cinco edís nacionalistas e o apoio de Carmen Veiga.
Ermida tomará o relevo do popular Alfonso Fuente Parga, alcalde desde 2005, á fronte do concello barreirense, que terá un executivo de esquerdas por primeira vez desde a democracia.