Ribadeo saca a concurso o servizo de recollida de lixo tras un ano en situación provisional

O Concello agarda que a nova adxudicataria da xestión do punto limpo e da recollida de envases e cartóns comece a funcionar "a finais de ano"

Colectores de cartón e envases lixeiros. AXM

O Concello de Ribadeo saca a concurso a xestión do punto limpo e a recollida de envases lixeiros e cartóns.

A plataforma de contratación do sector público recolle o prego de condicións do contrato, cun valor estimado de 331.939 euros. As empresas teñen ata o 3 de outubro para presentar as súas ofertas para a prestación do servizo, que se outorgará por catro anos cun máis de prórroga.

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, avanzou que a nova adxudicataria podería estar traballando “a finais de ano”.

Deberá encargarse da xestión do punto limpo, da recollida do lixo dos colectores amarelos e dos cartóns, tanto dos depositados nos colectores como do servizo porta a porta. Tamén se ocupará da recollida de plásticos agrícolas.

SITUACIÓN PROVISIONAL DESDE SETEMBRO PASADO

A recollida destes residuos mantíñase nunha situación provisional desde que, o pasado setembro, a empresa Soil Recovery entrara en concurso de acredores sen finalizar o prazo fixado no seu contrato de adxudicación.

Os problemas económicos da firma provocaron episodios de acumulación de lixo nos colectores ata que, finalmente, se xestionou a cesión do servizo a Ascan.

“Despois de moitos meses de traballo, licitamos un novo contrato co que contamos que o servizo funcione con normalidade e cunha lóxica de xestión positiva tanto para a empresa como para o Concello”, concluíu Díaz.

 

 

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here