Fixado para o 23 de xuño o xuízo ao “Pequeno Nicolás” por simular ser enlace da Casa Real en Ribadeo

A vista adiarase en maio ao renunciar a letrada á defensa do acusado por "presións"

O 'pequeno' Nicolás. EFE

EFE. A Audiencia Provincial de Madrid sinalou fixado do 23 ao 25 de xuño próximo a data do xuízo a Francisco Nicolás Gómez Iglesias, coñecido como O Pequeno Nicolás, por facerse pasar por representante do Goberno central nunha viaxe a Ribadeo, tralo adiamento decretado en maio.

A sección 17 do citado tribunal madrileño fixou para esa data o xuízo contra Gómez Iglesias e dous policías municipais que presuntamente o acompañaron na viaxe, despois de que o pasado 20 de maio a letrada do principal acusado denunciase que recibira “presións“.

CINCO ANOS DE PROCESO

Ese día o xuízo comezou pero á media hora de vista a avogada de Gómez Iglesias, Ana Blanco Vázquez de Prada, expuxo ao tribunal as “presións” e “coaccións” que presuntamente sufrira por defender ao mozo, e polas que renunciara á súa defensa.

O Pequeno Nicolás mostrouse entón “moi decepcionado e moi triste porque aínda existen no Estado de dereito presións e coaccións que fan que non poida ter unha boa defensa”, así como “canso” tras cinco anos de proceso que lle supoñen un “calvario”.

A FISCALÍA PIDE SETE ANOS DE CÁRCERE

A Fiscalía pide para o mozo sete anos de cárcere e unha multa de 81.000 euros polos delitos de usurpación de funcións públicas, falsidade en documento oficial e soborno activo.

Para cada un dos policías –Jorge González Hormigos e Carlos Pérez López-Dávila– solicita catro anos e dezaoito meses de prisión e multa de 4.500 euros polos delitos de usurpación de funcións públicas e soborno pasivo.

A acusación popular exercida pola Asociación de Policía Municipal Unificada de Madrid e pola formación política Podemos pide 11 anos de prisión para Gómez Iglesias; a Abogacía do Estado solicita 21 meses de cárcere e unha multa; e o Concello de Madrid reclama tres anos e medio de prisión.

REUNIÓN NA VILA RIBADENSE EN AGOSTO DO 2014

En agosto de 2014, o Pequeno Nicolás, supostamente facéndose pasar por representante da Casa Real e da Vicepresidencia do Goberno, contactou co empresario Jorge Cosmen para concertar unha reunión o 13 dese mes nun restaurante da localidade lucense de Ribadeo asegurando que acudiría unha personalidade importante da realeza.

A comitiva, cos axentes facendo presuntamente de escoltas, partiu de Madrid con varios coches con rotativos policiais e o Pequenos Nicolás reuniuse nun xantar co empresario pero non foi ninguén da Casa Real. Na localidade ribadense tamén saudara ao alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia.

A Fiscalía sostén que o principal acusado abonou ao policía Jorge Hormigos 2.000 euros, e este entregou 400 a Carlos Pérez.

OUTRAS DÚAS CAUSAS PENDENTES

Ademais deste proceso, Gómez Iglesias ten pendentes outros dous para os que xa se decretou apertura de xuízo oral: un acusado de simular en 2014 que era asesor do Goberno para estafar a un empresario e outro por crear supostamente unha rede con policías e cargos políticos de Madrid para obter información policial e usala a cambio de favores.

En 2018 foi absolto pola Audiencia Provincial dun delito de inxurias e calumnias ao servizo de intelixencia CNI. O Pequeno Nicolás foi detido o pasado 19 de novembro acusado de agredir a un camareiro dun restaurante madrileño durante un altercado que protagonizou cun amigo, que tamén foi arrestado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here