Darío Campos, alcalde da Pontenova: “a idea da tirolina parte dunhas fotos históricas de vagonetas baixando por cabos cargadas de mineral”

Complexo da antiga mina Consuelo - Boullosa, na Pontenova /turismodaponenova.com

-Cal era a idea forza detrás da instalación dunha tirolina como atractivo turístico para A Pontenova?

Hai uns dez anos, na Oficina de Turismo, vin as fotos dun cabo aéreo polo que subían e baixaban as vagonetas cargadas de mineral e subían baleiras. De aí naceu a idea dun teleférico mais estudando o tema en profundidade, co tempo vimos máis complicación en montar un teleférico que unha tirolina. Ao final, a tirolina era máis doada de montar e tiña menos custe. En resume, a idea parte de aí, dunhas fotos históricas e como un atractivo turístico como parte da recuperación, en parte, da mina Consuelo. O obxectivo e poñer en valor esa mina visitando unha única galería e logo baixar pola tirolina.

-A mina Consuelo era unha mina de ferro.

A Pontenova é un concello novo con 120 anos e que naceu coa implantación da mina na localidade. Desa mina facía extracción de mineral de ferro, de aí construíronse os fornos e toda unha infraestrutura arredor. Parte dela desapareceu mais si se conservan as galerías que están intactas e son seguras. Deste xeito queremos ir poñendo en valor paso a paso este espazo. Primeiro sería a entrada na mina para saír na tirolina e a visita aos fornos. Buscamos a recuperación dese complexo que estaba aí medio abandonado. Aínda máis, temos recuperado un forno no Boulloso do que ningún veciño sabía da súa existencia pois estaba tapado pola vexetación. Todo isto mostra o noso traballo de recuperación do patrimonio arquitectónico industrial.

a idea parte de aí, dunhas fotos históricas e como un atractivo turístico como parte da recuperación, en parte, da mina Consuelo

-A tirolina será unha das máis longas de Galicia. Como foron os pasos para xestionar a instalación e logo a colocación da mesma?

Desde logo que foi un proceso longo. Houbo que deseñar o proxecto, presentalo a varios entes dependentes da Xunta e da Confederación Hidrográfica. Desta maneira fomos conseguindo os permisos e logo redactar os pregos para a xestión da tirolina durante un par de anos. Sobre a xestión pareceunos moi necesario que o fixera unha empresa especializada, despois nun futuro, xa veremos como se xestiona. Agora, durante dous anos teremos cuberto o prazo da xestión, tamén coa maior seguridade posible grazas a unha empresa de Barcelona. Para min ese era o aspecto máis importante, a seguridade deste proxecto.

-Está deseñada para o descenso dunha única persoa.

Si, unha soa, aínda que a previsión é baixar unha persoa cada dous minutos aproximadamente. O percorrido faise en corenta segundos segundo os cálculos. Iso si, en caso de quedar atrancado no descenso, poderase solucionar mediante o uso duns arneses, tamén se terán en conta as condicións meteorolóxicas e o peso das persoas. Aínda así, coa comba que fai o cabo e o desnivel do lugar, os usuarios deberan chegar sen problema ningún. Tivéronse en conta todos estes puntos para poder actuar en caso de que alguén quedase suspendido na tirolina. Por tanto, podo asegurar que as medidas de seguridade son as máis esixentes para este tipo de actividade.

temos recuperado un forno no Boulloso do que ningún veciño sabía da súa existencia pois estaba tapado pola vexetación

-No caso de éxito desta infraestrutura, animaría ao Concello a instalar outra tirolina?

Cremos que esta terá éxito, mais non pensamos en ter outra. Si estamos pensando noutro tipo de actividades de turismo de aventura, mais outra tirolina non tería moito sentido agora mesmo. O importante é poñer en marcha o que temos e logo materializar outros proxectos de cara a fomentar o turismo na Pontenova.

-Buscan crear un espazo de actividades de cara un parque temático. Cales serán os grandes atractivos que ofrecerán ao público para animalo a achegarse ao lugar?

Entre outras cousas, entrar na galería como actividade para colexios e así coñeceren como era unha mina antiga por dentro. Xa hai pequenas estalactitas e estalagmitas que se poden ver na galería. Tiñamos pensado crear unha ponte sobre unhas árbores, mais un estudo fito-sanitario concluíu que non era recomendable. Cambiamos este proxecto por unha tirolina para pequenos no forno de Boulloso e cunha lonxitude de 100 metros. Con isto buscamos actividades para toda a familia.

durante dous anos teremos cuberto o prazo da xestión, tamén coa maior seguridade posible grazas a unha empresa de Barcelona

-Xunto a todo isto, engadirán máis actividades para aproveitar o entorno natural?

Estamos falando de instalacións para canoas, porque até o de agora non houbo nada semellante por aquí. Ademais pensamos en traer bicicletas eléctricas para paseos e rutas. En tal caso, hai varios proxectos sobre a mesa, mais o primeiro é ter finalizado un para continuar cos demais un a un. Agora mesmo temos unhas rutas de sendeirismo que coidamos de ano en ano

-En paralelo a estas actuacións, levarán adiante algún tipo de recuperación medioambiental?

Todas as actuacións polo momento foron respectuosas co medio, agás cando houbo necesidade de cortar algunha árbore para deixar pasar a tirolina, aínda así non se tocou practicamente nada. As restauracións fixéronse con materiais xa existentes na mina. Por tanto, a actuación medioambientalmente para min foi de dez.

-Pensaron tamén en convenios con universidades ou colexios de enxeñeiros, por se queren explorar a zona ou mesmo facer prácticas profesionais?

Aquí viñeron espeleólogos e tamén viñeron algúns enxeñeiros de minas. De feito estase realizando unha reprodución 3D da mina que en breve estará finalizada. Nós trouxemos dous enxeñeiros para facer os informes de seguridade.

-O investimento foi de 300.000€. Sente que o proxecto crea expectativas entre as xentes da Pontenova?

Creo que si, que as persoas están expectantes e ilusionadas con esta tirolina e hai persoas de certa idade pensando en usala nada máis abra. Como atractivo, vai ter o seu peso para a comarca e para a provincia.

As restauracións fixéronse con materiais xa existentes na mina

-A inauguración aínda non está programada?

Falarei coa empresa, están en corentena, o luns 31 falarei con eles para poñer unha data, logo falarei coa Deputación para poñer todo en marcha.

-Será vostede o primeiro en usar a tirolina?

Non tería problema. Hai xente que xa se tirou para probar a seguridade, tamén houbo un curso de monitores onde a probaron, así que non tería problema.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here