Absolto de prevaricación urbanística o alcalde de Barreiros

Cinco edís e a arquitecta municipal tamén son declarados non culpables de irregularidades na concesión de licenzas para construír 3.500 vivendas nese mesmo ano

Alfonso Fuente Parga, á esquerda, no banco dos acusados cos edís e a arquitecta municipal. AXM

EFE. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, e os demais edís da xunta de goberno, que foron xulgados a principios de novembro no Xulgado do Penal de Lugo por suposta prevaricación urbanística na concesión de 44 licenzas para construír case 3.000 vivendas no municipio no ano 2006, quedaron absoltos dos cargos, segundo informou o avogado que defendeu ao rexedor, Luis Rego.

Xunto a Fuente Parga figuraban como investigados outros cinco edís que naquel ano formaban parte da xunta de goberno, así como a arquitecta municipal. En total, sete persoas sentáronse no banco dos acusados para responder pola suposta concesión irregular desas licenzas en pleno bum da construción no municipio mariñao.

Os feitos remóntanse a 2006, pero a causa fora arquivada en dúas ocasións antes de ser xulgada.

Rego precisou que a “extensa sentenza”, de 37 páxinas, que lle foi notificada esta mesma mañá ás partes, “vén a dicir” o que a defensa mantivo “desde o principio deste procedemento”, pero agora tras unha “exhaustiva revisión da totalidade das probas presentadas”.

O letrado lamentou o “acoso político e mediático que tiveron que soportar estas persoas durante longos anos” e que derivaron “en situacións complicadas no ámbito persoal”. Desde o seu punto de vista, a sentenza “vén a ratificar o seu bo facer, conforme á legalidade”.

RECURSO DE APELACIÓN

O letrado precisou que aínda é posible presentar un recurso de apelación, nun prazo de dez días, ante a Audiencia Provincial de Lugo.

ADEGA PEDÍA UN ANO POR LICENZA

A Fiscalía pedía para o rexedor, que no 2015 anunciou que deixaba o Partido Popular pola apertura de xuízo oral contra el, unha pena de dous anos de cárcere e dez meses de inhabilitación, aínda que a acusación particular, exercida pola organización ecoloxista Adega, solicitaba un ano de prisión “por cada unha das licenzas” ou “por cada un dos delitos” que lle imputaba.

A avogada que representaba a acusación particular, Montserrat Calvo, explicou que o que tentou demostrar no xuízo foi a ilegalidade na concesión das licenzas para construír 41 urbanizacións e bloques de vivendas, así como noutros permisos para facer “piscinas e equipamentos en solo rústico“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here