16 mozos de Ribadeo e Barreiros deseñarán rutas turísticas e crearán centros de interpretación virtuias

Será dentro dos obradoiros de emprego da Xunta que proporcionan aos participantes formación teórica e práctica e experiencia laboral mediante un contrato de traballo.

Ruta de seindeirismo en Viveiro. AXM

A Consellería de Emprego e Igualdade investirá 369.500 euros no obradoiro de emprego de garantía xuvenil Territorio Vivo, que compartirán os concellos de Ribadeo e Barreiros e no que se formarán 16 mozos e mozas menores de 30 anos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a actividade porase en marcha no prazo dun mes, e contará con oito alumnos traballadores na especialidade de Educación medioambiental e outros tantos na de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos.

Un dos traballos que acometerán será a creación dunha ruta entre os dous concellos; en concreto, darán continuidade á Ruta dos montes de Ribadeo ata conectala coa Ruta do Comado de Barreiros. Na mesma liña, acondicionarán unha xeoruta pola ría de Ribadeo e outra pola Fraga de Santo Estevo do Ermo en Barreiros.

Ademais, realizarán talleres de educación medioambiental e crearán senllos centros de interpretación virtual do patrimonio natural, co rexistro de todos os bens que o compoñen nos respectivos termos municipais.

Por outra banda, na modalidade de tratamento de datos continuarán o labor de organización da documentación dos arquivos municipais que xa viñan desenvolvendo en edicións anteriores.

Os obradoiros de emprego proporcionan aos participantes formación teórica e práctica e experiencia laboral mediante un contrato de traballo; tamén impulsan o emprendemento, con coñecementos específicos que lles permiten poñer en marcha o seu propio proxecto de negocio. Son unha das propostas máis valoradas polos concellos porque realizan obras e servizos de interese xeral e social en beneficio da comunidade.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here