Como poder coñecer e gozar das paisaxes de Barreiros

O concello pon en marcha rutas ambientais guiadas a pé por un tramo da marxe da Ría do Masma.

Fermosa paisaxe da ría do Masma / Concello de Ribadeo

O Concello de Barreiros anuncia que, ademais dos roteiros en kaiak recentemente anunciados, tamén organizará rutas ambientais guiadas a pé por un tramo da marxe da Ría do Masma. Serán gratuítas para e discorrerán polo trazado do Camiño Natural do Cantábrico dende a praia de Altar ata a ponte do tren situada pouco despois da Lagoa dos Patos completando unha distancia aproximada de 8 quilómetros (ida e volta) a realizar nunhas tres horas.

Segundo indica o concello nun comunicado, durante o percorrido, acompañado por unha guía especializada, poñerase o foco na importancia deste ecosistema cunha ampla diversidade de tipos de hábitats e de especies de flora e fauna propios destes humidais. Tendo en conta que esta ría constitúe un dos puntos estratéxicos de Galicia para a observación de aves tamén haberá oportunidade para facer posibles avistamentos destes animais.

Están programados catro roteiros, dous en xullo e dous en agosto podendo consultar toda a información na web www.aescola.concellodebarreiros.gal ou chamando á Oficina de Turismo no 982 134 400. As prazas son limitadas e as preinscricións estarán abertas dende o venres 2 de xullo ata tres días antes de cada unha das rutas e realizaranse exclusivamente a través do Rexistro Municipal de forma presencial ou da Sede Electrónica do Concello.

A Alcaldesa, Ana Ermida, agarda que a programación de actividades para este verán “contribúa a facer de Barreiros un lugar atractivo onde dispoñer de alternativas de ocio ao tempo que se poñen en valor os seus atractivos turísticos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here