O Concello de Barreiros e COGAMI asinan un convenio de talleres para persoas con capacidades diferentes

O Taller discorrerá sobre actividades asistenciais da vida diaria en comunidade, que se levará adiante no centro sociocultural os xoves en horario de mañá.


A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e a presidenta da Asociación de Persoas con Discapacidade A Mariña – COGAMI, Emma Camaño, veñen de asinar este martes un convenio para a realización de talleres para persoas con capacidades diferentes, coordinados desde a área de servizos sociais do concello barreirense.

A alcaldesa explicou que “desde o goberno municipal traballamos durante este tempo para que, no momento en que fose posible, este tipo de accións se levasen a cabo, axudando a que as persoas, con independencia de onde vivan, teñan acceso aos servizos”. Ana Ermida declarou tamén que estes talleres son de suma importancia para lograr a integración das persoas.

Segundo expuxo a presidenta da asociación, “este tipo de talleres pretenden promover a autonomía persoal no medio rural contando con actuacións específicas dirixidas ás persoas con discapacidade“. Estas accións realizaranse buscando achegar as accións á persoa con discapacidade e tendo en conta a situación da contorna onde se desenvolve persoal e socialmente.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, manifestou que “estas actividades asistenciais de terapia ocupacional están dirixidas a facilitar e potenciar o benestar físico e social e a adquisición de maiores cotas de independencia e autonomía persoal por parte de as persoas con discapacidade do concello de Barreiros; conseguindo o máis completo desenvolvemento do potencial físico, psicolóxico e social ”

A alcaldesa agradeceu á asociación COGAMI A Mariña a disposición que amosou para achegar este tipo de actividades a Barreiros de xeito que se comeza a traballar en colaboración cos servizos sociais municipais con persoas que precisan unha atención específica e ás que “as administracións públicas debemos dar ferramentas para integrarse completamente na comunidade.”

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here