InicioOrientalBarreirosMontse Porteiro: "A administración pública debe ser o espello onde se reflicta...

Montse Porteiro: “A administración pública debe ser o espello onde se reflicta a sociedade”

A concelleira de Igualdade no Concello de Barreiros conversa con Xornal da Mariña sobre o programa “+ Igualdade: I Plan de Igualdade de Xénero para o cadro de persoal”. Este é o primeiro plan deste tipo materializado na provincia de Lugo. Montse Porteiro debulla os diferentes pasos e as accións que permitirán o desenvolvemento deste plan en Barreiros.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales foron os eixos impulsores deste programa de igualdade para o persoal do Concello de Barreiros?

Este plan non só responde ao cumprimento dunha obriga legal, que a hai, senón que responde ao compromiso do goberno local para dotar ao Concello de Barreiros de políticas de igualdade. Isto é así porque debemos ser exemplar, facer realidade o compromiso coa igualdade comezando pola propia casa. Ese é o motivo máis importante. Despois tamén está o feito de que sendo unha administración pública, deben deixar de existir certas conductas corrixibles dentro duns comportamentos o máis igualitarios posibles para termos unha igualdade real.

-É o primeiro plan municipal de igualdade para toda a provincia.

O prazo para presentalo remata a finais de marzo que vén. Desde a nosa entrada no Concello o compromiso coa igualdade foi un dos eixos de actuación. Así, creamos a Concellaría de Igualdade, non un departamento de Igualdade dependente doutra concellaría diferente. Posteriormente, constituimos unha mesa de coordinación local interinstitucional contra a violencia de xénero. Esta mesa xa levaba moitos anos funcionando noutros concellos, aquí non había un órgano semellante. Constituímola o ano pasado e xa a levamos a pleno. Isto tamén era para nós un compromiso importantísimo.

-Vistes dentro da administración local de Barreiros comportamentos que era necesario corrixir en canto igualdade dentro do cadro de persoal?

Son comportamentos en que todo o mundo caemos, non poderia especificar agora mesmo, mais si son elementos que aparecen no noso traballo diario. Estamos dentro dunha sociedade que foi moi machista, deixando unha pegada fonda nas persoas e iso fixo asimilar comportamentos ou formas de falar, unha linguaxe non inclusiva de todo, aínda que xa se avanzou moito.

o feito de que sendo unha administración pública, deben deixar de existir certas conductas corrixibles

-Preguntaba antes sobre seren en Barreiros os primeiros na provincia de Lugo en aplicar un proxecto coma este. Cal cren que é o motivo de non terse aplicado até o momento en ningún outro concello?

Non sabería dicir por que non se ten feito noutras administracións locais. Non creo que sexa por falta de interese en ter un programa de igualdade, pode obedecer a que se deixen pasar as cousas durante un tempo.

-Teñen destinado xa un orzamento específico para desenvolver este programa?

Para chegarmos a este plan de igualdade financiámonos con fondos do Pacto de Estado. Barreiros é un concello pequeño e os orzamentos non eran suficientes, por iso buscamos o financiamento nos fondos do Estado.

Estamos dentro dunha sociedade que foi moi machista, deixando unha pegada fonda nas persoas

-Para este plan creouse a Comisión Negociadora do Plan de Igualdade. Quen forma parte desta comisión?

Está composta por persoal político do Concello e coa representación de traballadores e traballadoras, tanto do persoal laboral como do funcionariado. Por parte do persoal laboral actuou o comité de empresa do Concello e como o persoal funcionarial non ten representación sindical, chamamos aos sindicatos maioritarios, CIG, UGT, CCOO e CSIF. Acudiron representantes da CIG e CCOO.

-Cales eran as grandes áreas onde había que actuar segundo o informe previo ao plan de igualdade?

O informe elaborouse mediante entrevistas a traballadoras e traballadores e a revisión da documentación relativa á xestión de RRHH, salarios, promoción, formación e selección. Tamén se fixo unha revisión da información en canto prevención, conciliación e acoso. Con estes informes, a finais de 2021 constituímos a mesa negociadora, con persoal político e persoal sindical. Todo isto traballouse en numerosas reunións e sobre diversos eixos: acceso ao emprego, retribución salarial, promoción e clasificación dos postos de traballo, conciliación, sensibilización, comunicación, acoso sexual, violencia sexual ou por razón de xénero e contratación. Traballáronse todos estes eixos para termos conclusións e crear obxectivos para traballar durante o tempo con certas accións. Por exemplo, dentro do acceso ao emprego, dentro dos marcos laborais que teñen o obxectivo de integrar o principio de igualdade; dentro das accións temos a continuación da política de selección de persoal existente e introducir linguaxe non sexista en convocatorias de emprego. Isto realizarase a partir deste ano.

-Explicaráselle á cidadanía por que se adoptou este plan de igualdade?

Foi aprobado en pleno e si que se lle vai dar difusión entre traballadores e traballadoras por ser un plan interno. Aínda así, as accións que aplicas dentro das oficinas municipais trascenden fóra delas. Se aplicas criterios igualitarios e equitativos no acceso ao emprego, na promoción, nas convocatorias de emprego, iso trascende á sociedade. A administración pública debe ser o espello onde se reflicta a sociedade e as empresas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...