Lea entre alcaldesa e exalcalde de Barreiros por unha indemnización

"Non entendemos estas présas", apuntou a nacionalista Ana Hermida.

Casa do Concello de Barreiros

A alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Hermida, censurou as “présas” do exalcalde, o popular Alfonso Fonte Parga, por querer cobrar unha indemnización dunha serie de gastos xudiciais que o Concello ten que asumir por mor dunha sentenza xudicial na que resultaron absoltos dunha acusación de prevaricación na concesión de 44 licenzas urbanísticas, tanto o antigo rexedor como catro membros da xunta de goberno.

Hermida lembrou que esas reclamacións se recibiron en 2019, nunha situación económica na que o Concello: “Non tiñamos nin para pagar as facturas aprobadas polo goberno anterior e non podiamos facerlle fronte” a esa indemnización de 110.000 euros para o exalcalde e outro catro membros do seu equipo de goberno.

Superada esta circunstancia, os servizos xurídicos e económicos fixeron unha proposta de “pago en varias mensualidades por unha cuestión de tesouraría municipal”. Despois dun pleno onde, con só dous votos afirmativos do grupo popular e a abstención do PSOE e BNG, acordouse facer o pago, aínda que en varios prazos, agora o exalcalde pretende cobrar esa cantidade neste mes de marzo.

“O Concello ten que asumir esa indemnización, e non nos opomos a facer o pago, simplemente o que facemos é un plan de pagos como se fixo noutras ocasións”. “O compromiso do pago existe, polo que non entendemos esas présas”, queixouse. Nesta liña, incide en que, “por unha cuestión de liquidez e tesouraría municipal, é unha cantidade para un municipio como Barreiros o suficientemente importante para non poder desembolsalo nun único pago”.

De feito, non só son 110.000 euros, senón que a cantidade podería ascender a 200.000 euros doutros gastos xudiciais correspondentes ao ano 2013, o que lle serve á alcaldesa para reafirmar. “200.000 euros é máis do que gastamos nun mes en Barreiros en gastos correntes”, pon de exemplo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here