Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo: “O Feve estase convertendo nun tren exótico de incerta chegada e saída”

Fernando Suárez leva case década e media á fronte do Concello de Ribadeo, unha das portas de entrada a Galicia, sobre todo para as persoas procedentes da costa cantábrica. Ademais diso, conta cunha das xoias naturais máis visitadas de Galicia, a Praia das Catedrais, que ata hai moi pouco tempo non tiña regulado o espazo ao seu redor. "Xa comezamos cos trámites para a creación dun aparcadoir público xunto ás Catedrais”, apunta nesta entrevista. Por outra parte, Suárez séntese orgulloso de poder ter un dos cascos históricos mellor conservados grazas á aprobación hai seis anos do PXOM.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia.

-Cal é a valoración que fai destes dous primeiros anos desta lexislatura moi atípica por outra parte?

Comecei con moita ilusión, o mesmo que coas anteriores lexislaturas desde hai catorce anos que son alcalde. Mais esta é moi diferente, para min e para toda a cidadanía e todos os cargos públicos. A pandemia desde logo que lle deu volta a todas as expectativas que tiñamos, iso non significa non termos acadado obxectivos importantes durante este período. Isto significou reorientar o esforzo municipal que moitas veces é unha terceira realidade; primeiro o Estado, logo a Autonomía e logo o Concello, que sería un estado en pequeno, aquel con menos recursos de todos e aínda así, debe estar en primeira liña, mesmo por diante dos outros dous.

-Unha posición de primeira liña que debeu deixar a súa pegada.

Os concellos sufriron en primeira persoa todas as circunstancias envolventes desta pandemia desde o primeiro momento. Fíxose todo o que estivo nas nosas mans todo canto se podía aplicando certa lóxica, moitas veces a base de intuicións. Iso non quitou de estarmos coordinados co resto de administracións, como non podía ser doutra maneira, para atendermos a nosa sociedade, proxectos que poderiamos ter feito nestes catro anos, non van saír mentres outros cunha maior présa, facemos un esforzo para darlles un impulso.

-Esta primeira parte de desescalada coa relaxación no uso da máscara, permitirá a Ribadeo recuperar este ano parte do turismo que chegaba no verán en anos anteriores?

É unha preocupación enorme coa que levamos nestes últimos días. Por unha parte temos a ilusión que se consolidan as boas expectativas sobre chegada de xente, reactivación do sector servizos está moi esperanzado, xa comezan a chegar turistas e as reservas van aumentando. A preocupación vén do brote detectado en Mallorca e que chegou a outras autonomías, entre elas Galicia. Se por culpa disto volvemos aplicar unha normativa previa á COVID, moitas das expectativas acabarán frustrándose. Non hai moitos días, a comezos deste mes de xuño, estivemos apiques de cambiar de fase, porque tivemos un gromo importante. En relación con isto decidimos, en diálogo cos sectores económicos que se poderían ver afectados, non celebrar o Ribadeo Indiano. Non quero esaxerar, mais o Ribadeo Indiano atraía a persoas de moitos lugares do Estado e de seguro sería unha inxección económica moi importante, mais decidimos non facelo. Por que? Por medo, pois a realidade dos aforos é a que é. Se nun negocio podes atender a 50 persoas, tanto ten que che veñan 1.500 petando na porta pois non podes atendelas.

Os concellos sufriron en primeira persoa todas as circunstancias envolventes desta pandemia desde o primeiro momento

 

-O medo á reaparición de brotes importantes trouxo frustración entre o sector da hostalaría.

Trouxo frustración e unha incerteza que non se poden xestionar. Ao mesmo tempo que isto temos tamén dúbidas sobre como actuar, pois para moitas persoas isto é como se non se puidese facer nada. É necesario explicar que sen termos máis da metade da poboación sen vacinar, non podemos pensar en xuntanzas masivas. Entendo que iso non se pode e non se debe facer. As cousas irán ben se imos amodo, mais como queiramos recuperar un ano perdido agora que se relaxa o uso da máscara e poder asistir a verbenas masivas, así non avanzaremos. É avanzar sobre o seguro, non dar un paso e volver para atrás dous.

As cousas irán ben se imos amodo, mais como queiramos recuperar un ano perdido agora que se relaxa o uso da máscara e poder asistir a verbenas masivas, así non avanzaremos

-Aínda sendo un dos concellos máis poboados da comarca con case 10.000 habitantes, con boa parte da poboación no núcleo urbano, tamén se experimente o abandono das áreas rurais?

Si, aínda que non é tan acusado como noutros concellos. A día de hoxe o 60% da poboación vive na vila o 40% vive nas parroquias. Dentro das parroquias o sistema produtivo ligado á agricultura e gandería foi decaendo por diferentes políticas que primaron o abandono. Tamén hai quen fai vida residencial nas parroquias e o seu traballo está na vila ou noutros lugares. Certo que existe actividade primaria, mais non ten que ver coa existente en 1990, por exemplo. A política agraria non a manexa o concello, só uns determinados puntos como protección ás vivendas como observar o cumprimento das distancias de seguridade entre bosques de pirófitas e núcleos de vivendas.

-Sobre a mesa existe algún proxecto para fomentar o teletraballo desde as vivendas no rural ou desenvolver outras actividades?

Desde logo que se deben facilitar uns servizos axeitados para permitir unha vida de calidade nas parroquias. Eses servizos son boas vías de comunicación, nese sentido estamos arranxando estradas con aglomerado asfáltico, mais non podemos ir tan axiña como queremos porque os orzamentos non permiten chegar durante un ano a todos os lugares do concello. Á parte diso, tamén é necesaria a conexión 5G, mais creo que Ribadeo está dentro dos plans das operadoras para ser un dos concellos de saída para esta conexión, cónstame que así está sendo. Ademais disto, procuramos estender actividades culturais e doutro tipo. Logo hai algunhas cuestións que están infravaloradas e deberan ser recollidas coa atención que merecen. Por poñer un exemplo, a Escola de Capacitación Agraria Pedro Murias está infrautilizada, cando podería ser un centro de referencia en canto investigación, novas técnicas gandeiras e agrarias. Tamén sei, e son consciente, de que o goberno galego busca impulsar accións formativas, algunha actividade formativa para xente nova. A Xunta é consciente da existencia dun padroádego onde tamén está o Concello, e nós fomos avisando do fin desta entidade e pedimos ter isto en conta para continuar con actividades de colaboración, cousa que o Concello por si só non pode facer. Tampouco a Xunta, pois o edificio é dun padroádego, mais é o Goberno galego quen ten maiores competencias e peso. Nós queremos sacar adiante ideas, isto necesita de orzamentos e tamén de espazos.

-Está falando da repotenciación ou da renovación dentro do sector primario en Ribadeo?

O sector primario, de querer potencialo, non será o mesmo que foi, e aínda así hai nichos de mercado que se poderían aproveitar. Desde o Concello de Ribadeo estamos cunha iniciativa coa USC e coa Fundación Daniel e Nina Carasso, os fundadores de Danone, accedemos a unha axuda de 30.000 euros, porque lles presentamos un proxecto para toda a bacía alimentaria do Eo. Aceptaron este proxecto sendo unha fundación privada. Con isto queriamos que podemos ser autosuficientes, pois ás veces traemos produtos agrarios de fóra cando podemos cultivar moitos deles en lugares de Ribadeo e concellos de arredor. Parece que a sociedade nos converteu en consumidores e non produtores. Desta maneira temos encontros con produtores, posibles produtores, consumidores, entidades e asociacións para buscar liñas a seguir. É dicir, non buscamos ter un sector servizos 100%, senón que debera haber tamén un sector primario que deberamos activar máis. Todo isto desde a humildade do Concello cando moitas das competencias nese aspecto son da Xunta.

A conexión 5G, creo que Ribadeo está dentro dos plans das operadoras para ser un dos concellos de saída para esta innovación

-As comunicacións tamén converteron Ribadeo nun nó importante de cara a comunicar toda a área Cantábrica con Galicia polo norte e co interior. Internamente cales son as actuacións sobre as vías que comunican os diferentes núcleos municipais?

Levamos varios anos cunha política de vías interparroquiais para darlles un tratamento diferenciado do que viña sendo o recheo, o parcheado e agora destinamos recursos máis amplos para a mellora destas estradas. As actuacións son a colocación de aglomerado asfáltico e iso ten un custe maior, avanzas menos aínda que dura máis. Atender a toda a rede interparroquial non é doado porque son moitos quilómetros. Hai moitas vías da Deputación que non competencia nosa, mais sabemos de actuaicións realizadas para a súa mellora, non se cubriu todo mais pediremos á Deputación que nos bote unha man con este tema.

-Outro tema é o FEVE, o tren de vía estreita. Cre que se está intentando desmantelar este medio?

Directamente non, mais si indirectamente. Estase convertendo nun tren exótico de incerta chegada e saída, cunhas frecuencias ridículas desde a COVID. Ademais, hai unha falta de investimento brutal tanto na vía como no tren, pois son máquinas antigas nas que podes ir e non volver, pois ao mellor volves en autobús e con paradas planificadas nos anos 1940. Por tanto, nin é atractivo nin operativo. Non se inviste porque non é atractivo. O FEVE no País Vasco foi trasladado ao Goberno vasco e así naceu o Euskotren, como tren de cercanías. Logo un exemplo de frecuencias, aquí en Ribadeo temos o segundo lugar máis visitado de Galicia, a praia das Catedrais. Antes da pandemia as cifras oficiais apuntaban a medio millón de visitas por ano. A vía do tren pasa a 200 metros da praia e non para. O apeadoiro máis perto está a dous quilómetros. Se se fixese un novo apeadoiro onde queremos facer o aparcadoiro público, previsto no plan especial, dariamos a posibilidade á inmensa maioría de visitantes de chegar en transporte público. Conseguimos, mediante o plan especial para o espazo arredor das Catedrais, que se contemplara un apeadoiro. E aínda así, o desleixo que tivemos das autoridades estatais que nin atendían nin entendían e mesmo dicían que o fixese o Concello. O tren como siga así, está destinado ao desmantelamento e ser unha vía verde, espero que non.

-Foi difícil chegar a un consenso para ter un Plan de Xestión para a Praia das Catedrais?

A Praia das Catedrais ten dous plans. Nós non temos competencias sobre ella porque é un monumento natural e é competencia da Xunta. Si temos as competencias de salvamento e que exercemos na época estiva e a limpeza. A competencia nosa vén derivada da aprobación do PXOM, que si custou moito sacalo adiante. Hai catro meses aprobamos o Plan Especial de Protección da Contorna das Catedrais que vén directamente do PXOM. Estamos empezando con el e hai vinte días comezamos os trámites de expropiación para un aparcadoiro público distanciado da costa. A semana pasada aprobamos o Plan de Protección do Conxunto Histórico de Ribadeo. Estamos ofrecendo ao mundo seguridade xurídica, aquí está claro o que se pode e non podes facer e con vocación de crecemento sostible.

-Territorio e patrimonio, porque dentro do casco histórico quedan cuestións como a torre dos Moreno.

Dentro do casco histórico temos feito grandes avances, só queda ese punto por resolver. Espero que isto estea apiques de resolverse. Agora mesmo sobre cuestións de propiedade da torre pasaron a unha parte, que hai tres meses presentou un proxecto de restauración a Patrimonio e desde aí dixéronlles de ampliar unhas cuestións. Eu espero que en cuestión de días Patrimonio dea o visto bo para dar a licenza de obra. Iso é unha parte da grande restauración efectuada sobre o casco histórico. Tamén vendemos un inmoble en ruínas, por que fixemos isto? Os teoricamente propietarios non se viron capaces de restaurar ou limpar ese inmoble e dixeron que non era deles, que houbera unha ruptura do tracto sucesorio. Esa propiedade foi inmatriculada a nome do Concello e logo fíxose unha poxa onde a mercou un terceiro. Conclusión, o Concello ten un diñeiro que usaremos en cuestións de solo, precisamente nas parroquias para ampliar traídas de auga, e por outra parte tamén veremos que se restauren unhas ruínas que levaban así decenios. Estas políticas de rehabilitación pasan polo diálogo entre propietarios e Concello.

Sobre o FEVE, conseguimos mediante o plan especial para o espazo arredor das Catedrais, que se contemplara un apeadoiro

-Este traballo rehabilitador tamén serve para que a xente nova dispoña de vivenda onde asentarse?

Aí entramos en cuestións de competencias. Un concello impulsa con este tipo de actividades a rehabilitación do casco antigo e ademais estase poñendo máis vivenda a disposición. Hai uns anos puxeramos uns terreos para que a Xunta daquela levantase vivendas sociais. Agora conseguimos que un inmoble sen rematar, consecuencia da crise, se estea rematando mediante un convenio entre Concello, Xunta e Estado para rematalo e convertelo en alugueiro social. Na política rehabilitadora estase poñendo máis vivenda.

Hai catro meses aprobamos o Plan Especial de Protección da Contorna das Catedrais que vén directamente do PXOM

-Tanto Ribadeo como o resto de concellos da comarca, teñen peso abondo para que a Deputación envíe investimentos necesarios?

Nós demostramos que os investimentos achegados a Ribadeo non son malgastados e son aproveitados ao máximo. Hai uns anos acabamos de levantar unha residencia de maiores con apoio fundamental da Deputación. Todo canto se inviste aquí é co obxectivo de materializalo. Necesitamos que outras administracións se impliquen? Si, por exemplo o Estado ten que implicarse máis en Ribadeo con actuacións de infraestruturas, temos unha actuación marabillosa para toda a área que sería a recuperación da senda verde do tren mineiro á Pontenova. A Xunta si que se implica pouco, moito dicir e pouco facer. Non debemos compararnos con outros concellos, o único que si somos un nó de comunicación e comercial con certo peso.

-A ría será sempre de Ribadeo.

Ese é un debate que quen o fai e promove é para desviar a atención doutras cuestións. A ría é de todos, mais chámase de Ribadeo porque levan o nome da vila que durante séculos tivo maior peso comercial. E así temos a ría de Foz, a de Viveiro ou a de Vigo, non a do Masma, do Landro ou do Verdugo. É un debate interesado porque a ría é de todos e quen o promove mellor sería que pensasen na presenza de coliformes na auga da ría. De todas maneiras, podo dicir que temos unha parte importante da ría saneada segundo criterios europeos, cunha depuradora con tres procesos de depuración.

-E cal sería o proxecto que lles gustaría ver rematado antes de finalizar a lexislatura?

Buscar finanzamento para arranxar o hopital-asilo de Ribadeo, onde viven 40 persoas. A senda ciclista ata Illa Pancha, crear infraestruturas para nenos, seguir actuando nas parroquias e sumar esforzos para que valoren actuacións como ordenamento urbano, a residencia para maiores e o interese que o PXOM está empezando atraer interese.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here