Ribadeo tivo unha tempada de verán “excepcional” no económico, segundo a patronal

A ocupación hoteleira achegouse ao 100%, de acordo con Acisa.

Bar Cantón, en Ribadeo. PÁXINAS GALEGAS

Bo verán no económico para Ribadeo. A patronal Acisa vén de emitir un comunicado no que cualifica de “excepcional” a tempada estival no municipio mariñán, aseverando que “foi un verán moi bo no tocante á actividade turística e á repercusión na economía local”.

Así o asegurou Francisco Iriarte, presidente da asociación de empresarios, quen sinalou que “a pesar da situación epidemiolóxica e das restricións sufridas, desde Acisa Ribadeo consideramos que foi un verán que respondeu ás expectativas. Ben é certo que as restricións afectaron en determinadas datas á capacidade de traballo, pero os datos son realmente positivos mellorando os do ano 2020”.

De aí que Iriarte reivindicara a localidade ribadense como “un referente turístico, comercial e gastronómico” que, á parte, conseguiu unha ocupación hoteleira de case o 100%, cando menos nos establecementos regrados, de acordo con datos da mesma asociación. Igualmente, e de acordo co xerente de Acisa, Jesús Pérez, as reservas en restauración fixeron encher os comedores mesmo en varias quendas para as ceas e comidas e as terrazas dos bares estiveron sempre cheas, tendo en conta os límites de capacidade, por suposto”.

En conxunto, uns datos de pernoctacións que roldaron o 10.000 hóspedes no mes de xullo e que elevaron as cifras de venda de combustible do ano 2019, entre outros indicadores que, a ollos da asociación, dan proba da fortaleza do concello ribadense á hora de se recuperar economicamente dunha pandemia que fixo particular ferida no turismo, a hostalaría, e o sector servizos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here