O obradoiro do Concello de Ribadeo “Prepara o Teu Camiño” comezará a mediados de outubro

A XVIII Mostra de Teatro afeccionado Daniel Cortezón terá lugar do 1 ao 3 de outubro e as representacións serán no auditorio municipal.


A mediados de outubro dará comezo o novo obradoiro de emprego, que lle foi concedido ao Concello de Ribadeo. Denomínase Prepara o teu camiño. Terá unha duración de nove meses e formará a 20 persoas en situación de desemprego maiores de 18 anos. As interesadas xa poden dirixirse á Oficina de Emprego de Ribadeo para poder solicitar a súa participación neste programa.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, declarou que o novo obradoiro de emprego foi concedido recentemente ao Concello de Ribadeo pola Consellería de Emprego e Igualdade, dentro do marco da xestión de Fondos Europeos destinados á formación e á incorporación ao mercado laboral das persoas desempregadas.

“Este proxecto créase coa finalidade de promocionar o Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo” declara Vizoso. A promoción vai consistir na creación de produtos audiovisuais e multimedia. Entre eles unha aplicación para móbiles para distribución e a comercialización do paquete de servizos e de produtos pensados e deseñados especificamente para os peregrinos, denominado Ribadeo prepara o teu camiño. A aplicación estará complementada cunha páxina web e co desenvolvemento tamén de produtos audiovisuais.

O edil ribadense explicou que “as actividades darán comezo a mediados de outubro e terán unha duración de nove meses”. O Concello de Ribadeo realizará a contratación de 23 persoas, concretamente 20 para os postos de traballo de alumnado-traballador, 2 para o traballo docente e 1 posto para o persoal de dirección e coordinación do obradoiro.

XVIII MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DANIEL CORTEZÓN

A Concellaría de Cultura vén de presentar a XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará desde hoxe e ata o domingo, 3 de outubro, no Auditorio Municipal. Na cita participan tres compañías, dúas da Mariña e unha de Corcubión. As representacións darán comezo ás 20:30 horas e o prezo da entrada será de 3 euros.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo: “presentamos hoxe a XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón e agradecemos a Mati, compañeira de vida do autor do que colle o nome, que nos acompañe”.

A edil ribadense explicou que “desta vez temos dúas compañías da Mariña e unha de Corcubión e o escenario ao que se subirán vai ser o Auditorio Municipal, queremos subliñar isto porque case a totalidade das outras edicións foron no antigo cine mais esta vez van ser no Auditorio Municipal. As funcións serán esta fin de semana, ás oito e media e o prezo da entrada é de 3 euros”.

Pilar Otero contou que “comezamos hoxe, venres, co grupo de Vilaronte (Foz), Axóuxeres, é unha función de hora e media de duración”. Representarán a obra Cousas de Mulleres que conta a historia de tres persoas cos seus problemas loitando contra o mundo e ata consigo mesmas, ás que o destino une por unha casualidade e que sen pretendelo acaban converténdose en grandes amigas. Esta obra busca elevar os ánimos con humor xa que a unión fai a forza e non hai problema que non teña solución.

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “o sábado O Torques de Burela recrea as peripecias dun vagabundo O Randiña, no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar, un banco de praza”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here