Conferencia en Ribadeo sobre os resultados das inmersións no proxectos Retornos do Pasado

O concelleiro Pablo Vizoso engadiu que “ao longo de dous anos, 2021-2022, están previstas arredor de oitenta inmersións das que se irán extraendo os materiais que nos permitan coñecer moito mellor o noso medio submarino".

Escavación do galeón de Ribadeo. AXM

O Concello de Ribadeo organiza unha charla que pronunciará o arqueólogo submarino Miguel San Claudio para presentar o resultado das inmersións realizadas dentro do proxecto Retornos do pasado. Terá lugar este xoves, día 28, no Cine Teatro.

O concelleiro de Turismo e Comercio, Pablo Vizoso, salientou que “a ría de Ribadeo conta cunha riqueza arqueolóxica recoñecida, o que lle aporta un gran valor engadido á nosa contorna natural, e aínda que é un dos recursos máis importantes da nosa zona tamén pode ser un dos máis descoñecidos”. É  por iso que durante os últimos tempos se fixeron tarefas de investigación entre as que se encadra o proxecto financiado polo GAL Retornos do pasado, que pretende a recuperación de pezas de interese patrimonial para o seu posterior estudo.

O edil ribadense dixo que “Retornos do pasado ten como obxectivo principal a análise e a difusión da cultura marítima de Ribadeo, facendo un estudo que permita analizar a documentación das relacións comerciais de Ribadeo xa na época da protohistoria de Galicia”. O obxectivo do estudo é a documentación e a clasificación dos restos dos materiais achados na ría de Ribadeo, concretamente na zona fronte ao porto deportivo de Porcillán ata o antigo cargadoiro de mineral onde se situaba a Torre Vella Medieval”.

Pablo Vizoso engadiu que “ao longo de dous anos, 2021-2022, están previstas arredor de oitenta inmersións das que se irán extraendo os materiais que nos permitan coñecer moito mellor o noso medio submarino”.

Precisamente neste marco, este xoves, día 28, ás oito da tarde no Cine Teatro, Miguel San Claudio, arqueólogo submarino encargado de levar a cabo este o proxecto e quen tamén, de xeito casual, xa descubrira no ano 2011 o galeón afundido no canal, dará unha conferencia para dar a coñecer os resultados das inmersións realizadas ate o de agora.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here