O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, insiste en que “a adecuación das faixas de xestión de biomasa é unha necesidade que se debe ter presente todos os anos e non dun xeito puntual”. O SEAGA procedeu a inspeccionar as parroquias ribadenses co obxectivo de ver si se está a cumprir a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e nos vindeiros días serán cursadas 500 comunicacións cos incumprimentos detectados.
O rexedor lembrou que “xa no 2017 desde o Concello iniciamos unha ardua tarefa á hora de facer cumprir a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, en canto ás redes secundarias e ás faixas de xestión de toda a biomasa”.
Fernando Suárez dixo que “a lei autonómica establece que cada ano, e antes de maio, todas esas faixas de protección das vivendas e dos núcleos rurais deben estar totalmente limpas”. Suázrez Barcia tamén sinalou que durante os vindeiros días van ser cursadas unha serie de comunicacións en función da listaxe que entrega SEAGA acerca dos incumprimentos da lei de incendios de Galicia en canto ás redes secundarias.
O alcalde de Ribadeo engadiu que “calculamos que máis de cincocentas notificacións van ser cursadas novamente a todos estes propietarios para indicarlles que se lles vai dar un prazo extraordinario para que procedan a ter limpas as propiedades”.