Preocupación en Ribadeo pola incidencia da COVID e o alcalde pide á Xunta que acelere os rastrexos

Ribadeo ten unha incidencia de 50 casos de covid a 14 días. O alcalde sinala o comportamento exquisito da hostalaría.

Una enfermera realiza de una prueba PCR. EFE/Brais Lorenzo/Archivo

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, está preocupado pola incidencia da COVID no Concello ante as cifras que dan as últimas notificacións. Suárez subliña que a hostalería está a actuar con compromiso e con dilixencia e que a cidadanía, en termos xerais, tamén o está a facer ben. O rexedor alude ás queixas da veciñanza e pide que a Xunta corrixa as demoras nos rastrexos e na realización das probas PCR “porque sen un bo sistema de control e localización, quizais se acaben tomando medidas inxustamente contundentes contra unha poboación que non está actuando mal”.

Suárez Barcia declarou que “temos preocupación polos datos que se están revelando no estado, en Galicia e na Mariña e desde logo que Ribadeo tampouco pode ser unha excepción. A día de hoxe os datos oficiais din que temos 50 casos a 14 días. Pero falando de Ribadeo tamén vemos varias cousas que compre ter en conta porque, por unha banda, vemos que a hostalería funciona ben, está a actuar con compromiso e dilixencia, pero preocupados loxicamente polo que a Xunta poida decretar”.

O alcalde ribadense dixo que “vemos tamén que a cidadanía en termos xerais, que poderíamos dicir unánimes, faino ben. Non é que o diga eu, calquera pode botar un ollo ás rúas cheas de xente e todas as persoas están coa máscara posta, tanto en interiores como en exteriores. Vemos tamén que a xente masivamente vacínase, aínda que algunhas persoas, non moitas, de xeito obtuso e totalmente errado, ao noso xuízo, non queren poñer a vacina e non se quere inmunizar co que isto supón para eles e para os que están ao seu redor”.

O rexedor indicou que “tamén estamos a ver, en numerosos casos, queixas polas enormes demoras nos sistemas de rastrexo e probas PCR. Sabemos de moitos casos de xente que se confina por precaución, por teren contactos estreitos con outras persoas positivas, e teñen que agardar durante días para que lles dean unha cita para facer a PCR, cita que ás veces chega con moita demora e outras seguen agardando aínda”.

Para Suárez Barcia “isto é algo que a Xunta debera corrixir e reforzar con contundencia porque sen un bo sistema de control e localización quizais se acaben tomando medidas inxustamente contundentes contra unha poboación que non está actuando nada mal”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here