InicioOrientalO Real Club Naútico de Ribadeo, condenado a pagar unha multa de...

O Real Club Naútico de Ribadeo, condenado a pagar unha multa de 6.000 euros

Debe aboar 6.000 euros por unha infracción do artigo 6.1 do Regulamento Xeral de Protección Datos.

Publicada o

- Advertisement -

A Axencia Española de Protección de Datos acaba de impor unha sanción ao Real Club Náutico de Ribadeo de 6.000 euros por unha infracción do artigo 6.1 do Regulamento Xeral de Protección Datos.

A situación que deu lugar á denuncia ten a súa orixe, segundo a AEPD, nun conflito existente entre a directiva da que formou parte o reclamante (Mario Coto) e a que lle precedeu entre os anos 2012 e 2020. Esa directiva publicou na web e no facebook do Real Club Náutico de Ribadeo unha sentenza de abril de 2019 cos datos de varias persoas sen anonimizar (entre os que se inclúen os do reclamante), incluso sendo recorrida ante o Tribunal Supremo.

A Axencia Española de Protección de Datos considera “que as actuacións xudiciais sexan públicas, non xustifica que eses datos fosen revelados nun ámbito distinto ao proceso xudicial“. E que “o dereito fundamental do reclamante, a que os seus datos non sexan utilizados nin de forma sorpresiva, nin en redes sociais ou web asociados a unha sentenza íntegra con acceso para terceiros, debe pois prevalecer á exposición xeral obtida da procura”.

Tamén sinala que “orixinariamente, a sentenza íntegra, a pesar da posibilidade de poderse recorrer, figuraba exposta á vez en dúas ligazóns, a web e a páxina de facebook, non implementando ao cabo un eficaz mecanismo de eliminación dos datos”.

O reclamante ante a AEPD sinala que “este rosario de procedementos xudiciais” non acaba aquí, xa que hai dúas denuncias máis interpostas por dous compañeiros da xunta directiva que el presidiu no seu momento. “Pola miña banda dáse a correspondente publicidade á resolución publicada pola AEPD, nun intento de que a actual xunta directiva do RCNR proceda a convocar a todos os socios da devandita entidade a asemblea xeral, co fin de que poidan decidir as medidas a adoptar que sexan necesarias para esixir as responsabilidades procedentes, accións xudiciais incluídas, a aquelas persoas que formaban parte da xunta directiva ao tempo dos feito”, suliña Mario Coto.

Neste sentido, pídelle ao actual presidente do Real Club Náutico de Ribadeo que dea conta dos 90.000 euros gastados nos procesos xudiciais por parte da anterior xunta directiva, a que dirixiu o club entre 2012 e 2020, e que explique tamén o estado do contrato do letrado que levou todos eses procesos xudiciais do RCNR.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...