Presentación do Calendario RibadeoXQSI para promocionar o concello como destino turístico

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, engadiu que “este novo proxecto foi levado a cabo coa colaboración do Obradoiro de Emprego Ribadeo Prepara o teu Camiño, e incide no esforzo que se está a desenvolver para conseguir un turismo de calidade".


Co propósito de seguir a promocionar a vila como destino turístico o Concello ven de editar o calendario RibadeoXQSi 2022. O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, explica que “este calendario presenta a ribadenses, peregrinos e visitantes, a gran riqueza e diversidade que ofrece o noso municipio. Un lugar onde descubrir paisaxes naturais espectaculares nos que perderse e nos que practicar todo tipo de actividades, ou adentrarse nun casco histórico único, de marcado carácter ilustrado, e que conecta cun dos máis importantes legados indianos existentes en Galicia. Gozar da súa cultura, onde sempre se atopará algo que ver e facer”.

O edil ribadense indica que “o calendario destaca doce recursos ou produtos turísticos, un por mes, e conta con códigos QR escaneables que permiten acceder á información ampliada sobre o mesmo así como á axenda de eventos e actividades que se ofrecen. O calendario en formato físico, do que se editaron un milleiro de exemplares, estase a distribuír estes días polos aloxamentos hostaleiros, aínda que tamén estará dispoñible para os visitantes na Oficina de Turismo de Ribadeo”.

Vizoso Galdo engadiu que “este novo proxecto foi levado a cabo coa colaboración do Obradoiro de Emprego Ribadeo Prepara o teu Camiño, e incide no esforzo que se está a desenvolver para conseguir un turismo de calidade, menos estacional e máis en consonancia coa idea de facer de Ribadeo un referente turístico na nosa comunidade e potenciar a súa figura como fito indispensable do Camiño Norte de Santiago. O proxecto tamén ten previsto ampliarse con novos formatos accesibles a veciños, peregrinos e turistas, como unha newsletter e un blogue”. O calendario foi presentado polos concelleiros de Cultura e Turismo, Pilar Otero e Pablo Vizoso.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here