Prorrogados os convenios entre Ribadeo e Deputación de Lugo para xestionar a nova residencia de maiores

"Agora, con esta prórroga, manteremos as condicións ate o remate do ano 2025 cun investimento de case 3´8 millóns de euros, que serán satisfeitos con recursos da Deputación, do Concello e tamén dos usuarios", dixo o alcalde ribadense, Fernando Suárez.

Fernando Suárez Barcia. AXM

O Concello de Ribadeo aprobou por unanimidade, no pleno ordinario celebrado o pasado venres, a prórroga dos convenios entre o Concello e a Deputación para a xestión pública e directa da nova residencia de maiores de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que este centro é un referente na Mariña e en Galicia. No pleno tamén foi aprobada a modificación da ordenanza da plusvalía.

O rexedor anunciou que “neste pleno ordinario do venres aprobouse, de xeito unánime, a prórroga dos convenios que temos entre o Concello de Ribadeo e máis a Deputación de Lugo para a xestión pública e directa da nova residencia de maiores de Ribadeo. Entrou en funcionamento no ano 2019 e no 2022 remataba o tempo daquel primeiro convenio. Agora, con esta prórroga, manteremos as condicións ate o remate do ano 2025 cun investimento de case 3´8 millóns de euros, que serán satisfeitos con recursos da Deputación, do Concello e tamén dos usuarios. Seguimos con esta boa cooperación e coordinación entre as dúas administracións para a excelente xestión deste centro público, referente na Mariña, en Galicia e tamén no Estado”.

O alcalde ribadense engadiu que “tamén no pleno aprobamos a modificación da ordenanza da plusvalía adaptando á lexislación que o goberno do Estado acaba de cambiar para cumprir os criterios que fixou hai pouco tempo o Tribunal Constitucional. Debemos indicar que os novos métodos de cálculo previstos repercutirán nunha menor recadación para as arcas públicas e esperamos unha merma do 50% con respecto a exercicios anteriores, pasando duns 100.000 euros de recadación no ano anterior a uns 50.000 deste ano”.

O rexedor sinalou finalmente que “levamos tamén no pleno varios puntos para devolver algunha factura de provedores que as meteron de xeito improcedente como tamén aprobamos recoñecer algunhas outras facturas que os provedores as meten en exercicios contables posteriores ao ano natural en que as deben meter e iso provoca un trastorno para a contabilidade pública. Finalmente, no apartado de rogos e preguntas, como sempre, fomos dando cumpridas respostas ás cuestións que a oposición nos plantexa e aceptando rogos por suposto cando son construtivos e posibles”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here