O Concello de Ribadeo anuncia a V Edición dos Cantos de Taberna

O evento foi presentado polos concelleiros de Turismo e Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero e terá lugar o 2 de abril.


A quinta edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo, terá lugar o vindeiro 2 de abril. O evento foi presentado polos concelleiros de Turismo e Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero.

O edil ribadense dixo que “Ribadeo recupera os seus eventos máis destacados. E os Cantos de Taberna convértense no pistoletazo de saída dunha programación de actividades que busca situarnos de novo na ansiada normalidade e que paso a paso parece que imos acadando”.

Vizoso Galdo explicou que “desde as Área de Turismo, Cultura e Educación do Concello de Ribadeo presentamos a V Edición de Cantos de Taberna que se desenvolverá o 2 de abril a partir das oito da tarde. Os Cantos de Taberna en Ribadeo nunca desapareceron e a mellor forma de gozar deles é a través desta nova edición que organiza o Concello. Animamos a sumarse a esta actividade aos veciños e veciñas de toda a contorna, para participar e disfrutar dunha noite con moita tradición, unha inmellorable ocasión para compartir coas amizades e percorrer Ribadeo ao son da mellor música”.

O concelleiro de Turismo sinalou que “para os grupos interesados en participar nesta edición o prazo de inscrición estará aberto ata o 29 de marzo. As bases atópanse publicadas na sede electrónica da páxina web do Concello e nelas recóllense, como vén sendo habitual, as seguintes particularidades: os grupos participantes estarán formados por un mínimo de 5 persoas e un máximo de 10, que deberán ir acreditadas de maneira visible. A participación no concurso estará limitada a 12 grupos. E cada grupo percorrerá un itinerario diferente e o repertorio será de libre elección, preferentemente con temas populares e tradicionais, incluíndo algunha obra de tradición ou arraigamento ribadense, que poderán variarse ao longo do percorrido”.

Pablo Vizoso engadiu que “as bases tamén indican que cada grupo disporá dun pasaporte, que selarán en cada establecemento e que será o medio de acreditación para realizar o percorrido. Os integrantes de todos os grupos quedarán convidados a unha cea/pincheo de forma conxunta, que terá lugar ese día ao remate do mesmo”.

O edil engadiu que “a inscrición nos Cantos de Taberna é gratuíta e realizarase a través do seguinte correo electrónico turismo@ribadeo.org ou chamando ao número de teléfono do Concello 982 128 689. Os participantes deberán achegar a ficha de solicitude dispoñible na sede electrónica da páxina web do Concello. E en canto aos establecementos que desexen adherirse ao evento deberán poñerse en contacto coa oficina de turismo de Ribadeo a través do seu email ou do teléfono 982 128 689. Neste caso o límite de prazo para recibir as inscricións será o 25 de marzo”.

Pablo Vizoso contou que “como en edicións anteriores os establecementos participantes deberán convidar aos integrantes dos grupos a unha consumición, que denominamos básica, como poder ser un viño, cervexa, refresco, auga ou similares auga”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here