InicioEconomíaAdrián Gallero, Eo Alimenta: " O obxectivo é facer posible o autoabastecemento...

Adrián Gallero, Eo Alimenta: ” O obxectivo é facer posible o autoabastecemento do territorio arredor do Eo cos alimentos que produce”

Eo Alimenta é un proxecto participativo financiado pola Fundación Carasso, no que traballan dende hai dez meses e de forma colectiva diversos axentes vinculados ao sector da alimentación. Búscase elaborar unha estratexia alimentaria para o territorio do río Eo que aborde o reto de autoabastecer de alimentos a todo o territorio a partir dos produtos ofrecidos pola comarca. Para iso fomentarase a formación para a creación dun sector agroecolóxico.

Publicada o

- Advertisement -

-Describe o proxecto Eo Alimenta, cales son os principais puntos que o describen?

Eo Alimenta é un proxecto que naceu hai algo máis dun ano. Na súa primeira fase, que está remantando agora, busca construír unha estratexia alimentaria para toda a área do río Eo. Isto significa reunir a todas as persoas e colectivos que teñan relación co eido alimentario incluíndo concellos, persoas produtoras, persoas consumidoras ou grupos de desenvolvemento local e neste caso está implicada a USC e outros estamentos interesados. Durante o último ano estivemos traballando en construír esta estratexia mediante reunións e obradoiros. O obxectivo fundamental é contemplar accións e medidas que no longo prazo fixesen posible o autoabastecemento do territorio arredor do Eo cos alimentos que produce.

-Cal sería o papel de cada unha das institucións e grupos que conforman Eo Alimenta?

A maioría dos axentes poden contribuír en múltiples direccións. Os concellos teñen moito que dicir e teñen que ver coa compra pública responsable. Isto significa que os concellos compren alimentos destinados a comedores públicos de centros educativos, residencias ou centros de saúde. Así os concellos subministrarían alimentos frescos e de tempada ás persoas usuarias. Esa é unha das liñas principais que queremos traballar. A USC está implicada sobre todo en coñecemento, elaboración de estudos e diagnósticos para coñecer a opinión da xente sobre a alimentación de proximidade. Tamén pode estudar a posibilidade de introducir variedades que non se estean cultivando no territorio e que teñan unha boa aceptación entre os e as consumidoras. Logo están as persoas produtoras, un elo fundamental mais ao mesmo tempo tamén unha parte fráxil e o que buscamos é acompañalas para unha mellor organización entre elas, para realizaren traballos en rede e conxuntamente. Isto para que pouco a pouco haxa unha variedade de produtos que responda á demanda de alimentos ecolóxicos e de tempada.

Durante o último ano estivemos traballando en construír esta estratexia mediante reunións e obradoiros

-As persoas que estean traballando na produción agroalimentaria, desde Eo Alimenta, existen iniciativas para introducir a este sector dentro das novas tecnoloxías de cultivo e produción agroalimentaria?

Xusto a semana pasada rematamos a estratexia sobre este aspecto e xa temos o documento onde recollemos trinta e tres accións en diversos campos de actuación. Moitas destas accións van nesa dirección, aínda hai que traballalas, mais temos dous ou tres pasos que van encamiñados por aí. Por exemplo, ofrecer formación para persoas que levan moito tempo traballando na terra e teñen interese en introducir novos métodos de cultivo ou en adoptar un sistema ecolóxico de produción. Tamén se recollen medidas como crear espazos de información para acoller xente nova con interese en traballar na terra e non saben moi ben como empezar e cales son as axudas das que dispoñen. Todo isto está contemplado mais debemos esperar a poñernos en marcha.

os concellos subministrarían alimentos frescos e de tempada ás persoas usuarias

-Dentro desas estratexias está tamén buscar que as superficies comerciais merquen produtos de proximidade?

Si, pois digamos que a estratexia contempla traballar co pequeno comercio, coas tendas de proximidade ou mercados de abastos para impulsar a presenza dos alimentos de proximidade e ecolóxicos nese tipo de establecementos. Tamén, nun segundo nivel, contemplamos o traballo coas superficies comerciais e tamén coas grandes empresas, estas últimas para que dentro dos seus comedores se lles ofreza produtos de proximidade e ecolóxicos.

-Crearase un selo distintivo para que a xente recoñeza un produto de Eo Alimenta?

Máis que un selo eu diría unha marca comercial para que o público consumidor identifique rapidamente os produtos Eo Alimenta en prazas de abastos, mercados e outros lugares para que se vexan produtos da zona cunha serie de condicións especiais. Por outra parte, todos os axentes produtores incluídos en Eo Alimenta operan cos seus selos de garantía, por iso falo de marca, pois así se pode acoller a todos estes produtores.

Tamén se recollen medidas como crear espazos de información para acoller xente nova con interese en traballar na terra

-Canto tempo tardaría en poñerse a funcionar a iniciativa polo menos nun 75%?

Falar dun 75% sería ter avanzado moito. O documento desta estratexia contempla implementar o proxecto en catro anos, 2022-2026. Despois todo dependerá do grao de implementación, unha cousa é comezar con todas elas e outra é que avancen todas xuntas. Xa se irá vendo, mais contamos que nos vindeiros catro anos teñamos avanzado en gran parte.

-Existen plans de concienciación da poboación da área Eo para consumir os produtos de proximidade e mostrarlle este traballo para confiaren nos froitos desta estratexia?

A estratexia está dividida en catro ámbitos de actuación e xustamente unha delas é esta última. Chamámola “Cultura da alimentación sá e sustentable” e aí recollemos todas as actividades de sensibilización das persoas. Contemplamos accións en centros de saúde ou centros educativos mediante conferencias sobre hábitos de consumo, visitas e xogos infantís nos mercados, elaboración de material didáctico para formar sobre alimentación saudable. Tamén pensamos na colaboración coa hostalaría para ofreceren xénero de proximidade e sexan ademais un factor educativo de cara a sociedade. Existe a idea de crear accións como un Festival de Alimentación Sustentable que serían un día ou dous de festas gastronómicas, lúdicas e educativas. Sobre a concienciación do público para que teña confianza nestes produtos, pois organizaríanse visitas ás granxas, ás hortas e aos lugares onde se traballa.

-Dentro do proxecto existe a idea de recuperar terreos que antes foran agrarios e volvelos poñer a producir?

Si, esa é a primeira das accións e unha das máis ambiciosas e das máis complexas. Hai un primeiro paso que é dinamizar o acceso á terra e dinamizar a accesibilidade aos terreos. Todo isto pensando en quen queira introducirse na produción ecolóxica e promover o acceso prioritario a terras para xente nova, para mulleres e grupos sociais en desvantaxe social. Esa acción será das primeiras que queremos pór en marcha traballando coas persoas propietarias, cos concellos e coa Xunta.

-Hai algún insumo ou produto sobre o cal se busque realizar unha maior énfase?

Neste momento diría que non. Hai creado un grupo de produtoras que se reúnen cada semana para traballar os seus temas e as accións máis relacionadas con elas. O proxecto de momento ofrece maioritariamente produtos de horta, mais está aberto a calquera persoa que queira participar ofrecendo elementos que poden ir desde os vexetais a panadaría. Realmente o obxectivo é que baixo a marca Eo Alimenta sexamos capaces de ofrecerlle á poboación o preciso para alimentarse día a día sen poñer énfase en ningún punto en particular.

Contemplamos accións en centros de saúde ou centros educativos mediante conferencias sobre hábitos de consumo

-Serían necesarias accións de mellora en canto vías de comunicación para a distribución cara ao mercado?

Non contemplamos ese aspecto, dámolo por feito, pois é algo que se escapa do noso ámbito de influencia. Mais esa parte de mirar as vías de comunicación faría falta. Nós focalizámonos na creación de espazos para a transformación de produtos frescos, impulsar ese tipo de infraestruturas para darlles un valor engadido á produción. Tamén buscamos achegar pequenos axentes de distribución para traballaren en rede e mesmo crear novos modelos de distribución como cooperativas de reparto.

-Cal é a valoración deste primeiro ano de traballos?

Pois foi un primeiro ano de moito traballo, de moitas persoas e axentes moi diferentes, unha cousa que se debe poñer en valor. Isto non é habitual e tamén custa porque non temos esa cultura participativa. Nese sentido foi un éxito poñer a traballar xuntos a Universidade, produtoras e concellos. Tamén foi un traballo máis de reflexión, diagnose e pensamento. Agora toca levar adiante a segunda fase, a de facer realidade todo isto. Creo que en xeral, a valoración é boa por parte de todos os axentes, hai moitas ganas e haberá que coordinar. Debo dicir tamén que houbo xente nova participando sobre todo no ámbito das produtoras.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...