Escape Room Noite Meiga en Ribadeo para xente a partir dos once anos que se celebrará o 13 de maio

A concelleira de Mocidade, Mariluz Álvarez, dixo que “a experiencia que fixemos en setembro con este tipo de actividades foi fabulosa para toda a familia e agora convidámosvos tamén a que formedes equipos de 4 a 6 integrantes a partir de 11 anos de idade para participar nesta proba de escapismo e orientación urbana pola noite”.

Consistorio de Ribadeo. AXM

A Concellaría de Mocidade programa varias actividades para esta primeira quincena de maio. O día 13 terá lugar o Escape Room Noite Meiga. Trátase dunha proba de escapismo e orientación urbana na que poderá participar toda a familia a partir dos 11 anos. Tamén ese día dentro do ciclo O Concello cos Coles haberá un Escape Room educativo titulado Rexeita o Maltrato no colexio Sagrado Corazón. E o 16 de maio está prevista unha sesión de Cine na Rúa coa proxección da película de animación Valentina, unha produción galega e en galego, que foi estreada a finais de 2021 e que recibiu o premio Goya á mellor longametraxe de animación.

A edil nacionalista explicou que “son actividades dirixidas á toda a familia, divertidas e sobre todo para poder disfrutar dese tempo de lecer. A primeira que se vai desenvolver é un Escape Room, que denominamos Noite Meiga e vaise celebrar o 13 de maio ás 20:30 horas na Praza do Concello. É unha actividade totalmente gratuíta, feita por unha empresa especializada neste tema de orientación urbana e probas de escapismo, como é Territorio Comanche, que xa nos visitou e puidemos participar con ela nunha actividade celebrada en setembro do ano pasado”.

Álvarez Lastra subliñou que “é unha proba apta para todos os públicos, simplemente hai que ter 11 anos ou máis. Esta actividade dura 2 horas e para participar hai que formar grupos de 4 a 6 integrantes. E para que poidamos ter os materiais necesarios e todo organizado para ese día é necesario inscribirse na Casa da Xuventude. O prazo comeza hoxe, 2 de maio, e remata o día 11 deste mes ás 14 horas. Pode facerse presencialmente na Casa da Xuventude ou por correo electrónico, á dirección omix@ribadeo.org. O número de grupos é limitado e o acceso será por rigorosa orde de inscrición”.

A concelleira de Mocidade dixo que “a experiencia que fixemos en setembro con este tipo de actividades foi fabulosa para toda a familia e agora convidámosvos tamén a que formedes equipos de 4 a 6 integrantes a partir de 11 anos de idade para participar nesta proba de escapismo e orientación urbana pola noite”.

Mariluz Álvarez seguiu a relatar que “ese mesmo día, o 13 de maio, imos facer tamén un Escape Room educativo. Vai ser no colexio Sagrado Corazón, está dirixido a alumnado de 2º da ESO e denomínase Rexeita o maltrato. É unha proba centrada nese traballo que vimos facendo dun xeito transversal entre Mocidade e o Centro de Información á Muller, da Área de Igualdade do Concello de Ribadeo, porque nun concello non poden existir compartimentos estancos no que se refire tanto ao divertimento como á formación e á educación dos nosos rapaces e rapazas e das nosas familias”. Esta actividade forma parte do ciclo O Concello cos Coles.

A edil ribadense engadiu que “remataremos esta primeira quincena de maio cunha proposta moi visual: unha proxección da película Valentina. Vamos enmarcala dentro da conmemoración das Letras Galegas, da actividade que se vai facer dende á Área de Cultura, Letras no Campo. É unha longametraxe de animación, de produción totalmente galega e en galego, que foi estreada a finais do ano 2021 e recibiu o premio Goya á mellor longametraxe de animación. Está destinada a idades entre 3 e 7 anos e é unha película que defende a diversidade e que aposta pola inclusión de persoas con diversidade funcional na nosa sociedade, en especial trata as dificultades que teñen as mulleres neste ámbito posto que a protagonista é unha nena con síndrome de down que soña con ser trapecista e vaise vendo, ao longo dunha viaxe máxica, como é capaz de conseguir os seus logros, con esforzo, con tesón e desde logo con axuda da sociedade na que estamos vivindo. Proxectarase ao aire libre o día 16 de maio ás 20 horas”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here