O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, escola embaixadora do Parlamento Europeo

Entre outras actividades inaugurouse a exposición de “Letras para Europa”, unha colaboración entre as Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo de toda España.


O IES Ribadeo Dionisio Gamallo celebrou o pasado 9 de maio o Día de Europa. Desde o centro de ensino apuntan que é unha data especial que “une a case 500 millóns de cidadáns e cidadás con obxectivos e valores comúns”. Tamén consideran que hoxe en día e máis que nunca “faise necesaria una visión global da sociedade e un espertar social responsable e comprometido cos principios necesarios de futuro: paz, sustentabilidade e democracia”  .

Ao longo de varias semanas desenvolvéronse actividades, exposicións e charlas que buscan información sobre eses ámbitos e pretenden mostrar camiños e perspectivas para o noso alumnado. Unhas nas que alumnos e alumnas son protagonistas, e outras nas que convidan a diversas persoas que comparten con nos ese espírito de progreso e coñecemento.

A finais de abril estivo no centro o eurodeputado Nicolás González Casares, que aportou a súa experiencia e contou o seu día a día nos labores políticos que se desenvolven na UE. Visitaron o Concello para informarse sobre o traballo desenvolvido con fondos Europeos, e sobre o que o alumnado está traballando no Proxecto TAEUS e do que farán unha exposición a finais de curso. O alumnado de 1º ESO, coordinados pola profesora de Bioloxía Mª Jesús Besteiro Cabanas, elaboraron un vídeo sobre o aspecto da Biodiversidade, un dos obxectivos do Pacto Verde Europeo, en colaboración con Europe Direct A Coruña, que aportou os paneis coa información básica e recursos de traballo deste documento que quere converterse na folla de ruta para facer sostible a economía da UE. As alumnas Lucía Coto, Marta Fernández e Daniela López, embaixadoras junior de 4º ESO, informaron ao alumnado de diversos grupos de 1º ESO sobre a Historia da UE, os símbolos da Unión e realizaron un cuestionario sobre os contidos aprendidos.

O luns 9 de maio durante o período de lecer escoitouse a interpretación do himno europeo por parte do músico e director da Banda Municipal de Música de Ribadeo David Ballester. Inaugurouse a exposición de “Letras para Europa”, unha colaboración entre as Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo de toda España. Pola tarde recibiuse a visita de Iván Lombardero, xeólogo, activista ambiental, traballador no Sindicato Labrego Galego. A súa charla versou sobre “Europa fronte ás crises climática e enerxética”, na que desenvolveu unha mirada crítica da sociedade actual desde as contendas mundiais.

 

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here