InicioCentralBesteiro: "cando lin a carta de Cunqueiro desde o cárcere entendín por...

Besteiro: “cando lin a carta de Cunqueiro desde o cárcere entendín por que dicía que nunca somos libres”

Publicada o

- Advertisement -

Cando escribía as súas memorias, o recoñecido produtor audiovisual e xornalista José Besteiro (Riotorto, 1963) decatouse de que a figura de Álvaro Cunqueiro, escritor capital na súa infancia e adolescencia, merecía algo máis ca un párrafo ou unha páxina. Daquela retomou un traballo iniciado no 1986 sobre o escritor mindoniense e escribiu unha biografía mestiza, a medio camiño entre a confesión propia e o retrato do autor de ‘Merlín e Familia’. O resultado é ‘Un hombre que se parecía a Cunqueiro’ (Ediciones del Viento), libro que presenta estes días.

ADMIRACIÓN

P. Di que “Cunqueiro non necesitaba este libro, pero eu si”. Que necesidade o levou a escribir?

R. Sempre sinto que teño unha débeda cos escritores que me fixeron pasar bos momentos. Cunqueiro e Umbral, polo menos na miña infancia e adolescencia, foron para min os dous máis grandes. Así que sinto a necesidade de devolverlles o que me deron, e tamén me motiva o feito de que terceiras persoas que non os coñecen poidan desfrutar como eu o fixen. De feito, estou a escribir un libro sobre Umbral que vai saír o ano que vén. Foi principalmente ese dobre sentimento.

“ESCRIBÍN A BIOGRAFÍA PARA SALDAR UNHA DÉBEDA CO AUTOR E TAMÉN PARA DALO A COÑECER ENTRE QUENES NON O LERAN”

O seu primeiro contacto coa literatura de Cunqueiro foi na infancia.

Con ‘Merlín e Familia’, si. A miña casa estaba ao pé, só había un camiño entre medias, do Pazo de meu tío Moirón, o que chaman o Pazo de Cachán. Alí non só viviu moito Cunqueiro de neno senón que ambientou ‘Merlín e Familia’, a casona da que escribe é claramente o pazo de meus tíos. Antes de ler literatura de adultos, eu xa o coñecera, digamos, verbalmente, aínda que sempre digo que o que facía Cunqueiro eran contos de fadas para adultos. Era unha figura moi presente na miña infancia.

ESPERANDO A CUNQUEIRO

Cando medrei atopeime con ‘Merlín e Familia’ e descubrín que a contorna na que eu vivía estaba dentro dun libro, o que me pareceu máxico. Logo flipei cando descubrín que as mantas que utilizaba Felipe de Amancia, o protagonista, eran as que eu tiña na miña cama. Ese foi un momento marabilloso, o maior ‘flipe’ da miña vida. Ese foi o momento inaugural da miña vida con Cunqueiro, mentres lía estando naquela casa sentíame dentro do libro.

Chegou a coñecelo?

Non. Este libro podía chamarse ‘Esperando a Cunqueiro’, en relación con ‘Esperando a Godot’. Estiven a piques nun par de ocasións, mesmo unha vez deixoume unha bola de neve que me deron. Pero por cuestións da vida nunca o coñecín fisicamente. Historias del, en cambio, teño todas, porque era un personaxe máis da familia. Era un escritor popular, García Márquez pedira o Nobel para el, déranlle o premio Nadal, entre outros, e era unha persoa mítica que eu tiña na contorna familiar e que, dalgunha maneira, eu quería ser.

“DESCUBRIR QUE AS MANTAS DO PROTAGONISTA DE ‘MERLÍN E FAMILIA’ ERAN AS QUE EU TIÑA NA CASA FOI UN ‘FLIPE'”

A TERRA DE MIRANDA

Vostede nace en Riotorto, na Terra de Miranda. Un lugar que para moitos dos seus habitantes non é A Mariña, pero tampouco A Terra Chá, senón unha especie de zona de ninguén, un deses lugares de onde soe nacer tamén a literatura. Como di, Riotorto foi fonte de inspiración para Cunqueiro. Que importancia ten para este libro?

Pois quizais esa condición de espazo limítrofe si que dispara un pouco a imaxinación. Eu lembro desde pequeno que Don Hernán, o cura de Meilán, explicoume que o nome de Miranda viña dun antigo arciprestado e que Cunqueiro, que tiña un ouvido marabilloso, utilizara ese arciprestado para por riba dos límites oficiais crear un universo propio e paralelo, que é o que fan todos os grandes escritores e artistas.

Seguramente por iso, por ese compoñente máxico, máis alá dalgunhas carencias, os mirandeses nos agarramos máis á nosa terra que os habitantes doutras zonas. Pero tamén é certo que os galegos, mesmo os do interior, temos presente esa condición de Galicia como Finisterre. Eu vivín en Riotorto ata os dez anos e inevitablemente iso marca.

CUNQUEIRO E RIOTORTO

Que lembra do Riotorto da súa infancia?

Para min é o paraíso. Imaxino que había moita máis pobreza que agora, pero o benestar material non ten sempre que ver coa felicidade. Supoño que o vía cos ollos dun neno, seguramente máis ilusionados ca os ollos dun adulto, pero creo que lembro razonablemente ben a contorna. Había mallas e moitos traballos colectivos, 3.500 veciños polos 1.500 que hai agora, e entón o que recordo é un lugar de película. Eu tiña un cabalo de verdade e sentíame un vaqueiro de verdade, sentíame un cowboy. Iso faiche ter unha aproximación moi física á vida. A xente contábache grandes historias, lembro aos mestres con cariño… Crieime nunha familia modélica pero cuns veciños tamén modélicos, moi protexido e moi seguro. Igual o teño mitificado e había xente que pasaba dificultades importantes, pero eu lembro sentir moita felicidade.

“en riotorto, de neno, sentíame un cowboy. é o meu paraíso”

As visitas de Cunqueiro a Riotorto eran bastante habituais.

Si. Cunqueiro empezou a vir de neno ás festas de San Pedro e Santa Isabel, en verán. Cando houbo unha epidemia de tifus en Mondoñedo el viviu en Riotorto durante un ano enteiro, o 1920. O tío de miña nai, Moirón, era o seu curmán máis querido, de xeito que frecuentaba moitísimo Riotorto. Xa na madurez, o que facía era vir moitas veces cos seus amigos de Mondoñedo, Lugo ou A Coruña, a facer ‘troitadas’ e ceas na casa de Moirón. Desde que eu nacín, no 1963, si que sei que as visitas eran moito máis escasas, e de aí que non chegase a coñecelo. En Riotorto estivo co pai de César Antonio Molina, con Del Riego, con Castroviejo, con amigos aos que honraba na casa dos antergos.

“a cunqueiro gustáballe facer ‘troitadas’ en riotorto con amigos como del riego ou castroviejo”

ENTRE A BIOGRAFÍA E A CONFESIÓN

Di que esta non é unha biografía ao uso. Cal é o seu carácter singular?

Encádrase nun xénero que se chama bioficción, aínda que me parece unha definición un pouco xenérica. Digamos que fixen algo híbrido, cruzado, porque parto da biografía pero tamén practico ensaio. Eu defendo catro conceptos que son básicos na súa obra. Un, que anticipa o realismo máxico. Dous, que inventa os artigos fabulados. Tres, que cando é novo e escribe poesía mestura o surrealismo coas cantigas galaico-portuguesas. E catro, fixo un canon gastronómico con ‘La cocina cristiana de Occidente’.

Tamén cruzo as miñas memorias coas súas, porque dado que non cheguei a coñecer algunhas partes da súa vida privada, o que fago é contar o meu punto de vista, o que me pasou a min, nunhas circunstancias similares. El foi a un internado de neno, eu tamén; el divorciouse con dous fillos, eu tamén. Daquela o que fago é que, cando non podo chegar a contar a súa vida dun xeito verídico, ao non ter as testemuñas precisas, póñome eu de por medio para contar a miña.

“NO LIBRO CRUZO AS SÚAS MEMORIAS COAS SÚAS E IMAXÍNOO EN ARXENTINA CON BORGES OU RECIBINDO O PREMIO NOBEL”

Logo hai outra parte de ficción, fantástica, na que me pregunto que pasaría con Cunqueiro en determinadas circunstancias, como o exilio a Bos Aires, onde coñece a Borges. Tamén imaxino que pasaría de coñecer Cunqueiro a Walt Disney, xa que eu manteño que moitos dos seus textos poderían ser guións de Hollywood. Tamén me pregunto como sería a vida se fose amante da académica Elena Quiroga. E finalmente doulle o premio Nobel, porque penso que o merecía, e fantaseo con como sería aquela aquela noite na que recibe o galardón.

CUNQUEIRO, DE PELÍCULA

Vostede, que ten unha bagaxe no mundo audiovisual, ve a obra de Cunqueiro carne de cinema.

Si, absolutamente. As súas ambicións e posibilidades de facer cinema eran escasas, pero eu creo que se poderían facer grandes películas de debuxos animados de Disney, como pouco, a partir de obras súas. El era, ademais, un grande amante do cinema. Hai quen di que hai similitudes entre as súas novelas e algunhas películas.

“CUNQUEIRO ANTICIPOU O REALISMO MÁXICO, INVENTOU OS ARTIGOS FABULADOS. sería un gran GUIONISTA DE DISNEY”

No seu caso, contar cuestións da súa vida íntima, espirse, dificultou a escritura?

A miña vida é pura serendipia, pásanme cousas estrañas e extraordinarias cada pouco. A miña asistenta cambioume de orde uns libros, poñendo un libro de Rosa Montero que estaba lendo xunto aos que tiña de Cunqueiro. A obra de Montero é unha biografía de Madame Curie, pero tamén é a historia do dó polo seu home. Daquela pensei en facer algo similar con Cunqueiro. El é un xenio como escritor e eu son un produtor de Segunda Rexional, pero como seres humanos temos moito en común. Houbo momentos de dúbida, pero penso que era un exercicio de xustiza: non espir a Cunqueiro e escaparme, deixalo a el de aventureiro ou namoradizo cando eu tamén vivín e fallei coma el en moitas cousas. Os libros escríbense para contar a nosa verdade, e se non o fas defraudas ao lector. Así que non me foi difícil. Ademais penso que todas as vidas son parecidas.

O SER HUMANO TRALO AUTOR

Cunqueiro é recoñecido a nivel literario. A nivel persoal, que botaba en falta que se escribise del para facer esta biografía? Hai unha incomprensión do autor a nivel humano?

A parte humana quizais interesa nun escritor menos do que parece. Eu creo que é un descoñecido non só humanamente senón tamén literariamente. Aquí é un mito, pero quizais en Galicia non o valoramos na súa verdadeira dimensión. E iso ocorre máis aínda en España, claro. As circunstancias da guerra e da posguerra fixérono vivir situacións difíciles. No libro revelo unha carta que el escribiu desde a prisión, en Lugo, que ofrece luz sobre unha etapa que estaba por contar. Hai unha biografía que é canónica, obra de Armesto Faginas, pero é certo que non a contou, quizais porque ata agora non había documentos. Quixen investigar máis sobre este asunto, pero foime imposible coa pandemia, e penso que para a segunda edición do libro, e a versión en galego, poderei achegar máis información sobre a posguerra de Cunqueiro. Tampouco era unha persoa dada a exhibirse, e eu dou datos seus desde a vida amorosa ata outras peculiaridades.

“EL DEIXABA MIGUIÑAS DE PAN SOBRE A SÚA VIDA NA SÚA OBRA. EU LIMITEIME A RECOLLER CON PACIENCIA”

Ata certo punto era unha persoa esquiva, misteriosa, mesmo para os estudosos.

En parte é certo, pero en realidade contou na súa obra moito máis do que pensamos. O que fixen foi partir do que escribiu o propio Cunqueiro sobre o amor ou outros temas. Non cheguei a ler os 20.000 artigos que fixo pero si que lin milleiros. Sobre o amor, por seguir co exemplo, partín do que el mesmo escribiu e completei a información con testemuñas. El deixou sementada a súa obra con cachos de pan, como facía ‘Pulgarcito’, e eu fun recollendo. O meu traballo foi en boa parte limitarme a ordenar con paciencia e cariño todo ese material.

O CÁRCERE

Falaba da carta desde o cárcere. Que se sabe do contexto desa misiva?

Esa carta está supostamente datada no cárcere provincial de Lugo. Manuel María contaba que Trapero Pardo, o gran amigo de Cunqueiro, lle pedía axuda ao tío cura do poeta da Terra Chá para que intercedese polo escritor mindoniense. Hai outra misiva que está escrita en Figueirido, Pontevedra, así que temos a certeza de que estivo tamén nesa prisión pontevedresa. Presuntamente, houbo máis estancias en prisión. Unha investigadora da Coruña asegura que Cunqueiro estivo condenado por estafa. Existe certa confusión, hai unha certa nebulosa. Tentaremos acceder a outros arquivos para completar a información. A novidade que eu conto é que estivo en prisión na posguerra, entre o ano 43 e o 47 posiblemente.

“cunqueiro estivo preso en lugo e en pontevedra, e probablemente máis veces. hai condenas por estafa documentadas”

Cal foi o motivo da súa entrada en prisión?

A versión que eu tiña, desde neno, é que fora ao cárcere por estraperlo de aceite en Samos. Seguramente non sexa certa; ás veces as familias son as que menos saben. É posible que se me dese unha versión máis edulcorada. Pero si houbo condenas por estafa e están documentadas. Ignoro se estivo en prisión moito tempo, en Pontevedra pedía contactar coa familia para poder saír en liberdade provisional. Entendo que non foron estancias moi longas, porque ademais tiña bos amigos, entre eles un xuíz que supoño que lle botaría unha man. A partir de agora seguramente haberá máis investigación, o que fixen é soltar a lebre.

Pola miña banda, como biógrafo, teño o xuramento e a obriga de contar a verdade, pero gustaríame resaltar, por riba destas situacións, ao Cunqueiro como autor máxico, porque o cárcere foi unha anécdota dentro da súa vida. A biografía narra unha historia de amor, a do meu amor pola obra de Cunqueiro.

VIDA E OBRA

Transloce esa experiencia de falta de liberdade na súa obra? Ao achar o documento veu con outros ollos algunhas escenas da súa literatura?

El di que non somos libres, porque non podemos cambiar o pasado. Esta frase entendina moi ben cando confirmei que estivo preso. Penso que foi un pesadelo na súa vida, e creo que tamén tivo que ver con que, cando el volveu a Mondoñedo, a muller non o admitira para vivir cos seus fillos. Esta circunstancia penal, me parece, foi definitiva para o seu matrimonio.

Delibes dicía que os personaxes forman parte da biografía dos escritores e eu estou convencido de que acerta. No libro busco paralelismos entre toda a obra de Cunqueiro e a súa vida. Falando de Felipe de Amancia ou Simbad, hai partes que son puro Cunqueiro, nas que fala da súa derrota da posguerra, na que aparece o descontento ou tamén o home soñador. Na literatura máxica do autor mindoniense cabían tamén aspectos desgraciados da súa existencia, cabía a súa vida.

“si que sentiu certo síndrome de estocolmo con autores falanxistas, pero nos 60 xa militaba de novo no galeguismo”

EVOLUCIÓN IDEOLÓXICA

Cal foi a súa evolución ideolóxica?

Cunqueiro no seu momento era un galeguista convencido, non me atrevería a dicir que nacionalista, ou non alomenos do xeito extremo que se concebe actualmente. Penso que cambiou de ideoloxía ao ver o que lle pasara ao seu editor, Ánxel Casal, ou que asasinaran tamén a García Lorca. Mudou para sobrevivir. Cando te sinalan cambias de bando para non morrer.

Eu creo que si sentiu certo síndrome de Estocolmo ao chegar ao País Vasco e a Madrid, fascinárono determinados escritores falanxistas que eran xeniais. Máis alá da ideoloxía, creo que se identifica con pares, con Dionisio Ridruejo ou Sánchez Mazas, escritores que eran xenios independentemente das súas ideas de dereitas. Así como o Sochantre se disfrazou para sobrevivir, el fixo o mesmo. Pero si que, a partir do ano 43 ou 44, está a disgusto co rexime franquista, di: “menudos cristiáns que non son capaces de perdoar aos inimigos”. Nos anos 60 defende en artigos a necesidade do galego, do catalán ou euskera, defende tamén a Castelao.

Cunqueiro é criticado entre os ‘progres’ porque era anticomunista, e cando aquí se alababa a Cuba e a Rusia el era visionario e xa anticipaba o negativo. Cunqueiro nunca foi de ninguén, estivo en terra de ninguén, e esa foi a condena que sufriu no ámbito político.

TRIUNFADOR E FRACASADO

Di, entre outras cousas, que Cunqueiro foi un triunfador e un fracasado. É doado, dado o seu nivel como escritor, imaxinar en que triunfou. En que sentiu que fracasara?

El foi un triunfador desde o punto de vista literario. Cando morreu, nos anos 70, xa recibira premios importantes, polo que desde o punto de vista profesional foi recoñecido. Pero digo que foi un fracasado desde o punto de vista persoal. El di: “fallei no que máis quería”. E o que máis quería era era unha familia feliz e ‘Balzaquiana’, un matrimonio convencional e unha infancia para os seus fillos como el tivo. El nunca o conseguiu.

“EL FALLOU NO QUE MÁIS QUERÍA, TER UNHA FAMILIA CONVENCIONAL E FELIZ”

Teñen data na editorial para a versión en galego?

En outono estará seguramente nas librarías. A idea é presentar a versión en galego en Riotorto a finais de decembro coincidindo co 110 aniversario de Cunqueiro.

Con que se queda de Cunqueiro?

Coincido con Pere Gimferrer cando di que Cunqueiro non tivo nin antecedentes nin descendentes, foi un escritor singular que fixo que o galego durase mil primaveras máis.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...