InicioOrientalTrabadaOs socialistas de Trabada acusan á oposición de recorrer ás descualificacións fronte...

Os socialistas de Trabada acusan á oposición de recorrer ás descualificacións fronte o traballo do goberno local

“Se o goberno local non traballase por conseguir as subvencións para o municipio, o goberno autonómico non investiría cartos en Trabada”, subliñan desde o PSOE de Trabada.

Publicada o

- Advertisement -

Os socialistas de Trabada lamentan que a oposición critique sen fundamentos a xestión do goberno local e da súa alcaldesa, “cando os servizos e instalacións da vila melloraron considerablemente dende a chegada do PSdeG ao executivo local”.

“Mentres os socialistas e particularmente a alcaldesa traballan, a oposición perde o tempo en entorpecer os avances na vila”, subliña o grupo socialista. Neste punto, destacan que a propia alcaldesa é quen impulsa os proxectos na vila, quen os tramita e quen os xestiona.

“Se o goberno local non traballase por conseguir as subvencións para o municipio, o goberno autonómico non investiría cartos en Trabada”, subliñan. “A realidade é esa, non lles gusta aos representantes do Partido Popular, pero basta con revisar o número de axudas que se tramitan dende que gobernan os socialistas e as que solicitaban cando gobernaba o PP”, sinalan.

“As subvencións da Xunta de Galicia para realizar investimentos concédense a miúdo por orde de entrada. A propia alcaldesa, Mayra García, encárgase persoalmente de solicitar estas subvencións, moitas veces ás 12:00 da noite”, explican os socialistas.

“As funcións dos alcaldes e das alcaldesas están moi claras no artigo 21 da Lei 7/1985 reguladora das Bases de Réxime Local e dende logo non é o traballo da alcaldesa tramitar ningún expediente, pero ela mesma os realiza porque ten a formación suficiente e para evitar que sexan os empregados municipais os que teñan que facelo fora do seu horario laboral para que Trabada poida optar a estes fondos autonómicos e aumente os servizos aos veciños,” engaden.

Tras 24 anos de goberno do Partido Popular en Trabada, herdamos un Concello con débedas, pagando as facturas con meses de atraso, cunha rede de estradas intransitable e sen servizos para á cidadanía. Nada máis chegar tivemos que facer un plan económico- financeiro”, sinalan os socialistas.

Non obstante, “dende que os socialistas gobernamos en Trabada dedicámonos a traballar e xestionar para captar os fondos necesarios para mellorar o municipio ao tempo que saneamos as contas municipais”.

Neste sentido, os socialistas destacan que priorizan investimentos fronte a gasto corrente para poder levar a cabo estes investimentos que na maioría dos casos teñen que ser cofinanciados con fondos propios municipais.

Entre estes investimentos resaltan a mellora das estradas, edificios, a prestación de novos servicios como a residencia de maiores ou o punto de atención á infancia; a construción de novos equipamentos e instalacións como o albergue de peregrinos, a pista de pádel, o aparcamento de autocaravanas ou o museo. A isto se suman novas actividades para á cidadanía como programas de conciliación laboral e familiar, programas de envellecemento activo ou ciclos teatrais.

“Os representantes do Partido Popular intentan enganar á cidadanía, afirmando que, cando eles gobernaban, desbrozábanse as estradas dúas veces ao ano. En realidade, a veciñanza sabe que nesa época o Concello de Trabada dispoñía dun tractor e dúas desbrozadoras compartidas co Concello de Lourenzá”, sinalan.

Polo tanto, cando os socialistas chegaron ao Concello “non había un servizo de roza permanente, estaba seis meses en Trabada e seis meses en Lourenzá polo que os traballos de roza en moitas parroquias non se realizaban ata pasado o verán. Agora rózase todo o ano, mesmo as pistas forestais, que estaban pechadas de maleza e árbores cando chegamos ao goberno”, destacan.

Os socialistas lamentan tamén a escasa rectificación do Partido Popular cando, no intento de criticar a xestión municipal, equivócanse. “O Partido Popular critica que o goberno local non arranxe unha porta no pavillón de Sante que xa está incluída noutro proxecto ou reproban baches que na realidade son rexistros para as tapas de suministros”, explican.

“Están instalados nun clima de enfrontamento, de odio e de intolerancia, en lugar de cooperar para que a cidadanía de Trabada mellore a súa calidade de vida”, finalizan os socialistas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...