A privatización de servizos centra o debate orzamentario entre Concello e BNG de Barreiros

O alcalde resalta que as contas "manteñen prestacións sen subir impostos" e o Bloque critica que "se está a desmantelar o cadro de persoal para repartir diñeiro discrecionalmente"

O alcalde barreirense, Alfonso Fuente Parga. AXM

O Concello de Barreiros e mailo BNG polemizaron polo orzamento municipal para 2019, aprobado este xoves no pleno.

O alcalde, Alfonso Fuente Parga, asegura que o presuposto, que ascende a 4.065.000 euros, “mantén todos os servizos que se presta a cidadanía”, mentres que os nacionalistas entenden que é “unha mostra da decrepitude que predece á fin dos seus días”.

Fuente Parga subliña que nas contas “mantéñense os servizos prestados á veciñanza e non se incrementa ningún imposto, senón que se adaptan as partidas de gastos aos ingresos que recibe o Concello”.

O rexedor barreirense expón que “se investirán outros 92.000 euros na rede de abastecemento de auga”.

VÍAS PÚBLICAS

No tocante ás vías públicas, Fuente Parga asegura que “aparece unha partida de 50.000 euros, pero esperamos, como todos estes anos, recibir ese Plan Único da Deputación no que contaremos con outros 200.000 euros para mellorar todas as estradas municipais”.

EDAR

O alcalde de Barreiros afirma que “vanse investir outros 231.000 euros na reurbanización da N-634 pola execución dos avais a un promotor” e resalta que “tamén se contempla a compra de terreos para a EDAR, se a Xunta de Galicia dera adiante á nova depuradora en Reinante”.

POLÉMICA

O principal tema no que difiren Concello e Bloque é a privatización de servizos básicos.

Os nacionalistas acusan ao alcalde de “desmantelar o cadro de persoal municipal” e de “repartir o diñeiro dos veciños discrecionalmente, sen atender a criterios obxectivos”, mentres que Fuente Parga argumenta que o BNG cambiou de actitude nesta cuestión.

Todos estes anos atrás censuraba o gran número de traballadores que tiña o Concello, e este ano que presentamos un cadro de persoal máis reducido precisamente por xubilacións e prexubilacións, que se foron pactando para que non houbese despidos, o BNG tamén nos critica”, espuxo. 

PARTIDAS QUE “DOBRAN O GASTO”

A voceira do BNG barreirense, Ana Ermida, enumera “incrementos nas partidas destinadas a empresas: o mantemento de alumeado público, o da rede de abastecemento, recentemente privatizada e que duplica o seu coste con respecto ao ano 2018”.

Ermida sinala que “as continuas privatizacións dos servizos que se están a levar a cabo, lonxe de supoñer un aforro, aumentan os gastos e realízanse a costa de deixar prazas vacantes sen cubrir, por exemplo de operarios de obras, mentres se contratan empresas para realizar eses traballos”.

“NINGÚN INVESTIMENTO NOVO”

A voceira dos nacionalistas, que votaron en contra das contas, cren que o orzamento “amosa a falta de proxecto e compromiso con Barreiros, xa que non se reflicte ningún proxecto de investimento novo, recolléndose só proxectos que xa estaban orzamentados outros anos e que, ou non se levaron a cabo, ou non se finalizaron”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here