A oposición, sobre os PGE: “A Mariña non pode agardar máis por infraestruturas”

O PSdeG resalta o impacto de medidas como a suba das pensións ou do salario mínimo, pero PP, En Marea e BNG afean a falta de partidas para avances concretos na A-74 ou no ferrocarril

Estación de Ribadeo. JAVIER ELCUAZ/EL RINCÓN DEL TROTAMUNDOS

O proxecto dos orzamentos xerais do Estado (PGE) presentado este luns polo Goberno central recibiu a crítica unánime da oposición na provincia de Lugo, a que menos investimento recibirá da comunidade galega.

O Secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, calificou de “realistas, honestas e cun claro carácter social” as contas presentadas polo Executivo socialista.

Santos Ramos centrou a súa valoración en cifrar o impacto na provincia de Lugo de medidas globais, como a suba das pensións nun 1,6%, o aumento dos fondos para a dependencia -nun 59,3%– ou no incremento do salario mínimo interprofesional, dun 22%.

Así, destacou que “117.000 pensionistas da provincia, o 35% da poboación de Lugo, recibirán uns 17 millóns de euros máis; 14.500 lucenses que son dependentes beneficiaranse cos orzamentos e 14.000 que cobran o salario mínimo percibirán unha mellora no seu soldo”.

As críticas da oposición, pola contra, céntranse na carencia de avances en infraestruturas como a A-74 ou a liña de ferrocarril Ferrol-Ribadeo, dous proxectos esenciais para vertebrar o territorio.

PP

A presidenta do PP provincial de Lugo, Elena Candia, lamentou “o Estado quédase na terceira posición entre as administracións supramunicipais en investimentos na nosa provincia. O reparto por lucense non chega aos 213 euros”, indicou.

Os populares critican “a perda dun 35% dos investimentos en infraestruturas de comunicación para o ano 2019 con respecto ao contemplado no ano 2018, entre eles 1,8 para a Autovía da Mariña, a A-74”.

OS POPULARES ASEGURAN QUE “OS 258 MILLÓNS DE EUROS ORZAMENTADOS PARA A AUTOVÍA DA MARIÑA QUEDARON EN 5,6”

Para o PP lucense chama a atención “a redución do coste total presupostado para os diferentes tramos da A-74, que tiña presupostado tres tramos con importantes cifras, San Cibrao-Burela, Foz-Burela e Barreiros-Foz. O investimento pasa de algo máis de 258 millóns a 5.559.000 euros. É dicir, o Goberno reduce o seu presuposto nun 98%”.

Neste senso, a partida máis significativa é para a redacción do proxecto da A-74 entre Burela e San Cibrao, con case 1,3 millóns.

EN MAREA

O deputado de En Marea no Congreso por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, criticou a “falta de compromiso” por parte do Goberno central “coa precaria liña da antiga FEVE, recollida baixo a denominación de ‘cercanías, rede de ancho métrico’, e que non recibe ningún euro a pesar das denuncias de deficiencias”.

As partidas dos PGE non inclúen cambios de importancia na liña Ferrol-Ribadeo, que rexistra o 30% das incidencias do Estado. O investimento por parte do Goberno limítase ao mantemento, con algo máis dun millón en pasos entre andéns, actuacións en infraestrutura e na mellora de estacións.

FERNÁN-VELLO VALORA OS CINCO MILLÓNS DESTINADOS A SOLUCIONAR A NÉBOA NA A-8, PERO CENSURA “A FALTA DE COMPROMISO CO FEVE”

Fernán-Vello valora os “cinco millóns de euros incluídos para a solución aos problemas coa néboa na A-8”. Con todo, o deputado de En Marea lembra que o proxecto non conta con partidas no 2020.

Así, de executarse, significa que por fin poderíamos contar cunha solución técnica para circular pola autovía, pero para eso é preciso que o grao de execución sexa íntegro”, expón.

O voceiro do partido instrumental, Luís Villares, calificou os orzamentos de “aldraxe” a Galicia e avanzou que En Marea votará en contra dos PGE sen modificacións substanciais a prol dos intereses da comunidade.

BNG

Pola súa banda, o BNG da Mariña Lucense critica “o abandono que a comarca máis puxante e dinámica do norte galego leva anos sufrindo por parte dos sucesivos gobernos do Estado”.

A coordinadora dos nacionalistas na bisbarra, Ana Ermida, asegura que “A Mariña non pode agardar unha década máis en materia de infraestruturas”.

Ermida reclama para a A-74 “partidas suficientes para os treitos Foz-Burela e Burela-San Cibrao, e non testimoniais, pois córrese o risco de estar outra década máis sen vela executada, como o corredor San Cibrao-Ferrol, que depende da Xunta de Galicia”.

OS NACIONALISTAS CREN QUE O PROXECTO NO FIOUCO “É OUTRA TOMADURA DE PELO” E RECLAMAN “PARTIDAS SUFICIENTES” PARA A A-74

Os nacionalistas consideran “unha tomadura de pelo que no sigan tentando despistar con outro novo investimento-despilfarro para O Fiouco”. Ermida demandou “partidas para a rehabilitación integral do firme da N-634, na que só se realizan bacheos e parches”.

O BNG mariñao cre tamén que os orzamentos supoñen “a certificación do desmantelamento do Feve” e asegura que “os supostos valedores da Mariña esquécense de nós ao pasar A Gañidoira ou O Fiouco”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here