Goberno e oposición de Cervo polemizan polas partidas dedicadas ao emprego nos orzamentos

O PSOE critica o gasto en "colocar persoal" e o BNG a externalización de traballos, mentres que o executivo local, que aprobou as contas en solitario, enumera proxectos para reducir o paro

Consistorio de Cervo. AXM

O Concello de Cervo aprobou en solitario nun pleno extraordinario os orzamentos para 2019. O fomento do emprego desde o goberno local foi a principal crítica esgrimida pola oposición cervense ás contas, que ascenden a 7,7 millóns de euros.

O voceiro do PSOE en Cervo, Francisco Mon, criticou nun comunicado o gasto nas políticas municipais de emprego, “que non se dinamiza gastando 1,5 millóns de euros para colocar a 40 persoas no consistorio. Esta partida, do 21% do total, dedícase a persoal laboral“, lamentou.

Os socialistas subliñan “que o paro volveu subir neste último ano” e instan ao goberno local a “impulsar un plan de emprego específico para as persoas que pertencen aos colectivos máis sensibles, como os maiores de 45 anos, que supoñen o 47% dos parados de Cervo, así como o 67% das mulleres“.

OS SOCIALISTAS PIDEN UN PLAN DE INSERCIÓN LABORAL “PARA OS COLECTIVOS MÁIS VULNERABLES, MAIORES DE 45 ANOS E MULLERES”

Mon censurou tamén que “Cervo inviste dos seus propios fondos 380.000 euros, un 50% menos que no ano anterior”.

Isto é, segundo o voceiro socialista, “un claro exemplo da importancia que lle dá o equipo de goberno a mellorar prestacións públicas. O problema é que desdes cartos a maioría non se executará. Presumen de actuacións que fan outras administracións“, sostivo. 

BNG

Pola súa banda, o BNG cervense recalcou que “Cervo vai camiño de perder preto dun milleiro de habitantes desde 1999” e criticou “a externalización de traballos propios do persoal municipal”.

O concelleiro do grupo municipal nacionalista na corporación municipal, Ibán Sánchez, considera que “a conclusión que se pode sacar dos orzamentos é que hai moito traballo externalizado, difícil de xustificar tendo en conta o alto e moi cualificado cadro de persoal do Concello. Ou hai un pésimo aproveitamento destes  potenciais recursos ou ben un xeneroso afán de contratación de empresas externas”, asegura. 

o bng lembra QUE CERVO “PERDE POBOACIÓN” E ESIXE “POLÍTICAS QUE MUDEN ESTE CICLO”

Para o BNG, os orzamentos municipais para 2019 son “continuístas e supoñen unha nova oportunidade perdida de poñer os recursos do concello ao servizo de políticas que muden o ciclo de merma de poboación”.

O grupo municipal do BNG tamén fixo fincapé no reparto de subvencións para asociacións, cultura e deporte, “que non se normaliza cun sistema que sexa máis obxectivable, cunhas bases e criterios establecidos previamente”.

Os nacionalistas cuestionan “a partida de 330.000 euros, un 5% do orzamento, para outros gastos diversos, que é opaca e non admisible nin xustificable, nin sequera desde o punto de vista técnico”.

GOBERNO

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, destacou dos orzamentos a partida dirixida á bolsas de formación remuneradas, para as que se destinan 140.000 euros “concibidas para ofrecerlle á mocidade ese primeiro contacto co mundo laboral que lles reporte experiencia que lles poida resultar útil e abrirlles portas nun futuro próximo”.

O rexedor tamén lembra a posta en funcionamento do centro de día residencia, que “ademais dun servizo necesario e fundamental para as familias e os noso maiores, foi unha aposta importante tamén polo emprego, xa que supuxo a creación dunha trintena de novos postos de traballo estable”, argumenta. 

villares resalta as bolsas formativas ou o centro de empresas de sargadelos e asegura que unha firma “empregará a 30 persoas”

A creación do centro de emprendemento de Sargadelos ou a baixada de impostos como o ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras), IAE (Imposto de Actividades Económicas) e IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) son exemplos da política do goberno municipal neste eido, segundo subliñou Villares. 

Neste senso, o alcalde cervense afirmou que “unha firma que está instalada no noso Concello vai realizar un investimento de 15 millóns de euros, que suporá a creación doutros 30 postos de traballo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here