O BNG de Viveiro critica a actitude “negacionista” de Xunta e Concello coas súas propostas

Os nacionalistas repasan o feito no 2018 a uns meses dunhas eleccións que poden ser chaves, logo de que perderan no 2016 os tres edís cos que contaban na corporación

Rolda de prensa do BNG viveirense. AXM

O grupo municipal do BNG en Viveiro repasou nunha rolda de prensa o traballo realizado ao longo do pasado 2018. Gloria RoucoMiriam Bermúdez e Seve Salgueiro, responsable, vicerresponsable e voceiro do Bloque, fixeron reconto.

O balance foi presentado a uns meses dunhas eleccións que poden resultar cruciais para a formación frontista, que perdeu a súa representación na corporación municipal no 2016, cando os concelleiros Bernardo Fraga, Manuel Galdo e Saray Blanco deixaron por discrepancias o partido.

Os nacionalistas subliñan que, “malia as dificultades coas que nos enfrontamos para realizar o noso traballo político fóra da institución municipal, o BNG non deixou de estar comprometido coa veciñanza de Viveiro”.

Desde o grupo municipal do BNG consideran que “fomos capaces de facer unha oposición construtiva desde a rúa” para dar resposta “ás preocupacións e inquedanzas da veciñanza”.

BALANCE

O BNG viveirense destaca iniciativas en defensa da sanidade pública de proximidade, do saneamento da ría, da praia de Covas ou na aplicación da Lei de Memoria Histórica, coa retirada do nome de Pedrosa Latas do CEIP de Celeiro.

Tamén lembra as mobilizacións realizadas para o acondicionamento da estrada Landrove-Ferreira ou na defensa do tren de proximidade, para denunciar “o desmantelamento que vén sufrindo deste hai tempo o servizo do Feve”. Outra das iniciativas destacadas polo BNG é a aposta pola creación dunha rede de centros socioculturais para optimizar o patrimonio de titularidade municipal.

CRÍTICAS ÁS ADMINISTRACIÓNS

Os nacionalistas critican a actitude das administracións local e autonómica respecto das súas propostas. O BNG de Viveiro censura a “pasividade e o desinterese do goberno municipal de María Loureiro ante a práctica totalidade de iniciativas presentadas no consistorio” e “a actitude negacionista da Xunta de Galicia do PP ante as nosas reivindicacións”.

Os nacionalistas afean ao goberno local que non respaldase as propostas para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro, ou para apoiar aos 19 de Meirás, activistas para os que piden 247 anos de cadea por unha protesta para reclamar a devolución do pazo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here