Bouza: “a dirección provincial do PP fixo manobras máis propias do século XIX”

O xa ex presidente dos populares en Viveiro explica os motivos da súa renuncia

Bouza, no centro, entre Barreiro e Balseiro o día da súa presentación como candidato do PP en Viveiro. AXM

Mentres a dirección do PP de Lugo busca candidato para as vindeiras eleccións en Viveiro, o xa ex presidente dos populares no municipio, Antonio Bouza (A Pontenova, 1966), fai balance da súa demisión non só como responsable do partido senón tamén como edil, que presentará este martes. 

P. Como se atopa nestes días despois da súa renuncia? 

Pois cunha sensación de decepción, dun proxecto truncado pola metade. Máis doído polo que pasou co comité local que pola miña persoa, que non é o máis relevante.

Que o leva a demitir como responsable do partido a nivel local?

R. Primeiramente, a falta de honestidade e de transparencia da dirección do partido a nivel provincial, que actuou de costas ao comité local.

Desde outubro de 2017 tentaron buscar un candidato para as vindeiras eleccións municipais sen que ninguén nos explicara esta procura de forma oficial ata hai uns poucos meses. Eu non teño maior interese en liderar o partido, pero creo que tanto eu coma o comité local merecemos respecto. Visto que non confian en min e eu xa tampouco neles, era un paso lóxico.

“OS ESTATUTOS DIN QUE A DECISIÓN SOBRE O CANDIDATO TENA A DIRECCIÓN PROVINCIAL, PERO DEBEU FACERSE DOUTRO XEITO”

RATIFICADO POLO COMITÉ LOCAL

Vostede foi ratificado en outubro de 2018 polo comité local. 

O pasado 30 de outubro fun ratificado por unanimidade como presidente do partido e como candidato. É certo que os estatutos do partido din que en municipios como Viveiro a elección do cabeza de lista corresponde á dirección provincial e que unha consulta ao comité non é vinculante. Con todo, non entendo, nin o comité entende, como non se tivo en conta a súa opinión. Sentímonos ninguneados e infravalorados.

“HOUBO REUNIÓNS DESAGRADABLES. ACÚSANNOS DE CAUSAR PROBLEMAS DOS QUE NON SOMOS RESPONSABLES”

A principios deste mes renunciou a ser o candidato do PP, pero non aos cargos que acaba de deixarQue pasou para que tomase esta decisión?

Houbo unha serie de xuntanzas coa persoa que o partido designou como interlocutor para falar con nós, que é o responsable do partido a nivel comarcal, José Manuel Balseiro. Esas reunións foron desagradables, de todo menos edificantes, incluso acusándonos de ser responsables dalgúns problemas do partido cos que non tivemos nada que ver.

Que razóns lle dá o partido para preferir outro candidato? 

Son cuestións do partido e o primeiro en recoñecer que os resultados de 2015 foron malos son eu. Non se trata tanto dunha elección doutra persoa se non do xeito de facelo.

Se daquela me din que debo irme, marcho, non vin ao Partido Popular para perpetuarme. Levo nesta organización desde 2003 e vin para traballar. Pero até hai pouco ninguén me dixo nada, ninguén lle dixo ao comité que non iamos na dirección correcta. Entregaba informes semestrais aos que ninguén puxo nunca un pero e incluso recibimos boas palabras por parte da presidenta do partido a nivel provincial (Elena Candia).

TRES RENUNCIAS EN TRES MESES

Xunto a vostede renunciou a concelleira Cristina Goás. No pasado mes de novembro fíxoo outra edil, Chus Vale, descontenta coa xestión da riada por parte da Xunta de Galicia. Como valora este feito?

É a dirección do partido a que debe facer unha valoración. O que máis me doe é a falta de respecto á xente do comité local, que traballa todos os días, que van pedir o voto e tentar convencer aos veciños, os que exercen de interventores e de apoderados. Esta maneira de facer política é máis propia do século XIX que dos tempos nos que vivimos.

“O COMITÉ LOCAL VAI pEDIR VOTOS, FAN DE APODERADOS E INTERVENTORES. FALTÓUSELLES AO RESPECTO”

Por agora, non trascendeu candidato por parte do PP de Viveiro. 

Quero esperar que xa o teñan, aínda que teño a mesma información ca vostede. Oxalá, e dígoo de corazón, a persoa que elixan poida presentar batalla e gañar as eleccións, que era o meu obxectivo e o do que segue sendo o meu partido.

Con que se queda do traballo feito na oposición? 

Pois xustamente con iso, co traballo. Creo que as hemerotecas están aí e quen as repase poderá ver que fixemos unha oposición activa, con moitas propostas. Formar parte da dirección local deste partido foi unha experiencia moi bonita, coa que aprendín moitas cousas. Con iso me quedo, aínda que o final debeu ser diferente.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here