Sen acordo para a ubicación do auditorio no pleno de Foz

O Concello buscará acadar un consenso entre as forzas políticas trala división mostrada pola corporación na sesión plenaria do xoves

Horta do asilo, na que o goberno local de Foz pretende ubicar o auditorio. GOOGLE MAPS

A corporación de Foz debaterá cal é a mellor ubicación para o auditorio que o goberno local proxecta construír, despois de que o PP enmendase unha moción do grupo independente para levantar a instalación no solar de Vialmar.

O equipo de goberno de Foz anunciou a finais do pasado mes de outubro un acordo co Patronato Martínez Otero para a cesión dos terreos da horta do asilo.

A finais de novembro, o alcalde, Javier Castiñeira, asegurou que chegara a un acordo coa Xunta de Galicia para financiar a tres bandas -entre Concello, Goberno galego e Deputación– a construcción do auditorio, o que requeriría dun investimento de 700.000 euros por administración.

INDEPENDENTES, SOCIALISTAS E NACIONALISTAS DUBIDAN DA HORTA DO ASILO, LUGAR NO QUE O GOBERNO ASPIRA A LEVANTAR O EDIFICIO

Sen embargo, a ubicación proposta polo Concello non satisface á oposición. O grupo municipal do BNG propuxo no mes de xaneiro do 2018 construír o recinto no solar situado fronte á casa da cultura, que está catalogado como solo dotacional.

Á opinión dos nacionalistas sumouse Foz Plataforma de Futuro (FPF), que presentou unha iniciativa para instar ao goberno local a “buscar financiamento e facer os trámites necesarios” para construír o auditorio nesa ubicación, dado que ofrecería “unha maior capacidade de aparcamento e mellores accesos“. 

A proposta foi respaldada polo BNG focego, aínda que topou coa oposición do PSdeG e PP. Os socialistas aseguraron que “non se trata do terreo axeitado” e lembraron “que o propietario do solar ten aínda a licenza de construción en vigor“, o que podería dificultar e encarecer o proxecto.

PSOE E PP CREN QUE A CONSTRUCIÓN NO SOLAR DE VIALMAR, FRONTE Á CASA DA CULTURA, PODERÍA RESULTAR UN GASTO INASUMIBLE

Os populares afondaron nesta mesma idea para expoñer que, entre a compra dos terreos e a construción do edificio, o auditorio podería precisar dun investimento cercano aos 4,5 millóns de euros, unha cifra que consideran inasumible.

Os socialistas manifestaron tamén as súas dúbidas sobre a horta do asilo “pola escaseza do aparcamento”, e queren saber se a cesión dos terreos conleva que o Concello asuma “os gastos de mantemento do xeriátrico“.

Finalmente, o PP presentou unha enmenda á moción de FPF para buscar unha ubicación alternativa e procurar un consenso entre as forzas políticas da corporación para decidir cal é o lugar axeitado. A modificación só tivo os votos a favor dos populares; os independentes votaron en contra e PSOE e BNG abstivéronse.

MANTEMENTO NO CANTEL

O pleno focego si foi unánime para aprobar unha moción do PSdeG para instar ao goberno local a “reparar con urxencia” o muro norte do colexio público O Cantel, que presenta “cables soltos, árbores rotas e o valado de peche deteriorado”. Os socialistas urxiron ao Concello a “garantir a seguridade dos alumnos e alumnas do centro”.

Muro de peche no Cantel. AXM

Tamén se aprobaron dúas mocións de FPF, unha para instar ao goberno a aglomerar o camiño da Granda na subida a Vilasindre, na parroquia de Cangas; e outro para a mellora do alumeado na estrada xeral de Frouxán.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here