Os enlaces do Carme e Foz e a conexión do polígono de Barreiros centran as alegacións ao primeiro treito da A-74

Os concellos de Barreiros e Foz e mais o PSdG focego, que solicitaron as modificacións a Fomento, coinciden en sinalar a "viabilidade económica e técnica" das solucións propostas

Solución proposta por Fomento para o enlace do Carme. AXM

Este martes finalizou o prazo de información pública do proxecto de trazado do treito Barreiros-Foz da autovía A-74, exposto o pasado 4 de decembro.

Ao longo destes dous meses, os concellos de Barreiros e Foz e mais o PSdeG focego presentaron alegacións ao proxecto do Ministerio de Fomento, que terá que resolver sobre as modificacións propostas.

ENLACE DO CARME

As principais obxeccións ao trazado, de 11,5 quilómetros, refírense aos enlaces previstos, especialmente o do Carme, onde se contempla unha conexión coa estrada LU-152, en sentido Ribadeo.

O Concello e do PSdG de Foz demandan un enlace completo, que permita incorporarse á autovía tamén en sentido Burela.

Ademais, coinciden en solicitar que se desprace a rotonda ao norte para evitar a afectación dunha vivenda habitada, coñecida como Casa das Arieiras.

FAZOURO

As modificacións propostas tamén cuestionan a configuración do enlace con Foz, na rotonda de Pardiñas.

O Concello pide que se manteña a conexión que se formulara en primeira instancia, entre Forxán e Fazouro, de forma que o trazado do ramal “non pase polo medio do polígono industrial”.

O grupo socialista demanda un carril adicional de subida para favorecer a circulación, ao coincidir os turismos con vehículos pesados.

Ademais, solicitan a redución da liña límite de edificación na linde coa zona industrial de Fazouro, fixada agora en 50 metros.

VILARONTE E ESPIÑEIRA

O documento de alegacións do PSdeG de Foz inclúe un viaducto na zona da Baesta, en Vilaronte, e a prolongación, na Espiñeira, dos catro carrís da autovía ata as bifurcacións existentes actualmente no entronque da A-8.

POLÍGONO DE BARREIROS

O Concello de Barreiros, pola súa banda, solicitou a contrución dunha conexión co polígono industrial da Cruz do Lobo, recollida tamén nunha moción presentada polo BNG no pleno municipal.

O alcalde, Alfonso Fuente, matizou que o concello xa demandou a construción da conexión nas alegacións ao estudo informativo do treito en 2009.

O rexedor lembrou ademais que o ramal está contemplado nos planeamentos urbanísticos do concello “desde 1994” e tamén no plan sectorial do propio polígono.

“Agora volvemos a presentar a documentación con máis fotografías e máis información”, sinalou criticando o “caso omiso” que Fomento fixo ata agora a esta reivindicación.

ALEGACIÓNS “VIABLES”

O Ministerio elaborará o informe coas alegacións presentadas nos últimos dous meses.  De estimarse, as modificacións poderían recollerse no proxecto de construción, sobre o que se adxudicarán as obras.

Os promotores das alegacións coinciden en sinalar a “viabilidade” económica e técnica das modificacións solicitadas. “Sempre é importante que tamén conten cun impulso político”, engadiu Francisco Cajoto, candidato socialista á alcaldía de Foz.

O alcalde focego, Javier Castiñeira, recordou pola súa banda que “nos últimos anos se teñen logrado cambios importantes no trazado”, como a construción dun túnel ou o rebaixe de viaductos en San Martiño.

INFORME

Fontes do Ministerio de Fomento sinalan que o informe de alegacións correspondente tardará un prazo aproximado de mes e medio. A resolución das enmendas tardará “en función da cantidade e complexidade” das mesmas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here