O pleno de Burela pide ao Sergas servizo de fisioterapia para o centro de saúde

BNG e plataforma sanitaria critican a posición do PP, que presentou emendas de substitución a tres iniciativas e resaltou que "a sanidade pública galega é das mellores de España"

Explicación da moción da plataforma sanitaria. AXM

O pleno de Burela aprobou unha moción presentada polo BNG burelés para instar á Xunta de Galicia a dotar ao centro de saúde dun fisioterapeuta.

Os nacionalistas expuxeron que se trata “do único centro sanitario da comarca carente deste servizo e os doentes non poden acceder ós outros centros de saúde da Mariña Lucense, polo que cando se lles prescribe este tratamento teñen que acudir a centros privados de pago”, explicou o voceiro nacionalista, Mario Pillado.

Esta carencia foi sinalada días atrás pola CIG, que urxiu ao Executivo autonómico a elaborar “un plan urxente” para acabar co “deterioro do servizo” tralo cesamento do concerto que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) mantiña cunha clínica privada.

Así mesmo, a corporación burelesa aprobou unha iniciativa para solicitar ao Goberno galego “que non se retire o servizo de logopedia para nenos maiores de seis anos, que van ser derivados a Lugo, e que se asegure a continuidade do servizo para os mais pequenos na Unidade de Atención Temperá“, indicou Pillado.

prosperaron acordos para garantir o servizo de logopedia e a atención pediátrica

Ambas as mocións saíron adiante e tamén outra presentada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña para instar ao Sergas a que garanta a atención pediátrica.

Esta iniciativa fora aprobada en varios municipios mariñaos despois da protesta social que provocou o feito de que a Xunta non cubrise durante dúas semanas a ausencia da pediatra que comparten Mondoñedo, Barreiros e Lourenzá.

O PP FALA DE “CATASTROFISMO”

Nos tres casos, o Partido Popular de Burela optou por presentar emendas de substitución, que foron rexeitadas. A súa postura provocou o malestar dos nacionalistas. “O lóxico, coherente e honesto era votar polas mocións”, argumentou Pillado.

O PP burelés quixo coa súa emenda “rexeitar o catastrofismo de BNG e PSOE” e, contra as reiteradas advertencias da oposición en Galicia e de diversos colectivos sociais sobre o desmantelamento dos servizos sanitarios, propuxo instar á Xunta ao “mantemento e mellora da atención que se está a dar na sanidade pública galega, recoñecida como das mellores de España”.

Neste senso, os conservadores cargaron contra o bipartito, “que nada fixo por mellorar a atención sanitaria na Mariña”, e responsabilizou da situación do servizo de pediatría ao Goberno central, “que debe ampliar as prazas MIR de pediatría”.

No tocante ao servizo de fisioterapia, os populares respaldaron a versión da Xunta, e aseguraron que o Executivo autonómico “está estudando a viabilidade de dotar de fisioterapeuta ao centro de saúde de Burela”.

A PLATAFORMA LAMENTA “A ESTRATEXIA” DO PP, QUE ATRIBÚE Á INTENCIÓN “DE QUE OS EDÍS NON RACHEN A LIÑA IDEOLÓXICA”

CERVO

Neste senso, a plataforma sanitaria da Mariña Lucense asegura que “estamos a ver un cambio no modus operandi do PP, que debido ao comportamento que tiveron nos outros concellos onde se debateu, mesmo co voto favorable dos populares en moitos deles, idea esta estratexia para evitar que os edís rompan a liña ideolóxica do partido”.

No pleno de Cervo, a proposta da plataforma foi aprobada cos votos a favor de PSOE e BNG e coa abstención do PP, que tamén presentou unha emenda de substitución rexeitada polo colectivo.

ORZAMENTOS

No pleno aprobouse a proposta de orzamento para 2019 do goberno socialista, á que alegara o PP. O goberno local desestimou o recurso dos populares, que reclamaran contra “o incumprimento do Plan Estratéxico de Subvencións (PES)”.

Tamén saíu adiante a dedicación parcial de Noelia Ben, que pasa a asumir as áreas de muller, igualdade e servizos sociais. 

OUTRAS MOCIÓNS

Finalmente, non saíu adiante unha moción do BNG para instar aos deputados galegos a opoñerse ao proxecto dos Orzamentos do Estado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here