O PSOE de Foz pide unha oferta de emprego “urxente” ante a “falta de efectivos” da Policía Local

Os socialistas advirten de que trala aprobación da xubilación de dous axentes o persoal será "insuficiente" para atender a veciños e turistas

Visita do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, á Policía Local de Foz. AXM

O PSOE de Foz pedirá no vindeiro pleno a convocatoria urxente dunha oferta de emprego público para cubrir as baixas producidas no corpo da Policía Local, trala entrada en vigor -o pasado 2 de xaneiro- do Decreto que posibilita a xubilación anticipada de dous axentes.

O grupo municipal socialista asegura que un dos policías xubilouse recentemente e precisa que o outro “farao no vindeiro mes de agosto, polo que quedarán soamente seis axentes en activo e outro en comisión de servizos”.

O voceiro do PSOE local, Chema Linares, considera que este persoal “é a todas luces insuficiente para un concello de máis de 10.000 habitantes como é Foz”, e lamenta que este ano “verase minguado considerablemente o número de efectivos da Policía, coa consecuente carga de traballo para os que queden”.

Os socialistas argumentan que a falta de efectivos da Policía Local “redundará en prexuízo da veciñanza de Foz e agravarase no verán, co aumento de poboación que experimenta o concello de Foz coa chegada masiva de visitantes e turistas”.

SEN ALTAS ATA 2020

Con todo, o PSOE focego lamenta que “aínda que os procesos selectivos se convocasen nas próximas datas, os axentes non entrarían a prestar os seus servizos ata finais do ano 2020 ou entrados xa no 2021”.

O ALCALDE, “NEGLIXENTE”

Linares responsabiliza ao alcalde desta situación e acúsao de “neglixencia”, pois “como xefe da Policía Local ten o deber de coñecer as necesidades do persoal”.

O voceiro dos socialistas lembra que as xubilacións foron “unha medida acordada polo Executivo de Mariano Rajoy, polo que o rexedor non pode alegar descoñecemento”.

Así, o PSOE focego pedirá a convocatoria urxente dunha oferta de emprego público para cubrir as ausencias e evitar “problemas de seguridade“. 

DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS

Ademais, solicita ao pleno un acordo para delegar na Xunta de Galicia as competencias relativas ao desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso áo corpo de Policía Local e prazas de auxiliares para paliar as ausencias nun futuro próximo.

Linares explica que “a día de hoxe acolléronse a esta delegación de competencias 66 dos 129 municipios galegos con Policía Local”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here