O BNG de Barreiros critica que empresas privadas limpen as beirarrúas

Os nacionalistas defenden que é máis barato encargar estas tarefas a persoal municipal

O BNG de Barreiros denuncia que as tarefas de limpeza e desbroces quedan a medias. ARQUIVO XORNAL DA MARIÑA

O BNG de Barreiros cuestiona a xestión da limpeza de beirarrúas no municipio. A voceira dos nacionalistas, Ana Ermida, asegura que “o goberno municipal é incapaz de xestionar os recursos humanos propios para prestar servizos”, polo que “contrata empresas para facer traballos que poderían facerse con persoal municipal”.

O grupo municipal do BNG asegura que “son empresas privadas de novo as que están a facer labores de limpeza de beirarrúas en San Miguel de Reinante ou San Cosme de Barreiros”. Segundo afirma Ermida, “a desorganización é tal que semanas atrás esas mesmas firmas, que nalgúns casos prestan outros servizos ao Concello cun notable custo, comezaban a limpar os paseos marítimos a cachos, sen sequera recoller os restos”.

“ENDEBEDAMENTO”

Para o BNG de Barreiros, o Concello está a gastar o que non ten. “Recentemente, o alcalde, Alfonso Fuente, aseguraba que podía rebaixar as partidas adicadas a desbroces e limpeza porque, grazas a unha mellor organización, estes traballos poderíanse facer con medios propios. A realidade é que o goberno local volve incorrer en gastos que non poderá afrontar, sen planificación, e aumenta o burato económico que cada vez é maior”, sinala Ermida.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here