InicioPolíticaPSOE e CxG cren "deslexitimado" a Rouco, que os acusa de "insinuar"...

PSOE e CxG cren “deslexitimado” a Rouco, que os acusa de “insinuar” que o TSXG “prevaricou”

Consideran "probado" que o candidato do PP burelao "incumpriu a lei" ao exercer como xuíz de paz de Cospeito, mentres que o alcaldable alega que foi "nomeado dúas veces" polo alto tribunal

Publicada o

- Advertisement -

O PSOE e Compromiso por Galicia (CxG) cren “deslexitimado” ao candidato do Partido Popular (PP) á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, ao que acusan de exercer “irregularmente” como xuíz de paz titular en Cospeito entre 2014 e 2018, mentres que o alcaldable dos populares sostén que ambas formacións políticas están “a insinuar que houbo prevaricación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)”.

Os socialistas explicaron o pasado venres que Rouco exerceu o cargo entre 2014 e 2018, e que foi reelixido para continuar no período 2019-2023.

O PSOE burelao asegurou que o candidato dos populares “caeu en incompatibilidades graves”, ao “incumprir” dous dos preceptos da normativa, que esixe aos xuíces de paz residir no municipio no que exerzan e carecer de afiliación política ou sindical.

Ese mesmo día, o candidato do PP burelao emitiu un comunicado no que afirmou que renunciara “voluntariamente” ao cargo, e no que adxuntaba unha consulta -con data do 25 de febreiro de 2019- ao TSXG sobre a posibilidade de compatibilizar a actividade política co cargo de xuíz de paz no municipio chairego.

“A XUNTA DEBE EXPLICARSE”

As explicacións de Rouco non satisfixeron aos socialistas. O secretario xeral do PSOE burelao, Ramiro Fernández Rey, sinala que “estamos ante unha ilegalidade manifesta” e que o candidato popular está “deslexitimado” para presentarse ás eleccións municipais.

Os socialistas cuestionan a afirmación de Rouco de que non percibiu unha remuneración económica por exercer o cargo. “É mentira que non cobrase. Os xuíces de paz reciben unha gratificación, sexa pequena ou meirande. Estamos ante un trileiro, e se esta é a súa maneira de desenvolverse cos cartos públicos, que non fará cando teña máis poder”, argumenta Fernández Rey.

Os socialistas avanzan que o grupo do PSOE no Parlamento de Galicia estuda levar este caso á Cámara galega. “Supoñemos que o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, terá que dar algunha explicación sobre isto”, asegura Fernández Rey.

CRÍTICAS AO PP LOCAL

O PSOE burelao censurou a actitude do PP local e sinalou ao voceiro dos populares na corporación, Chema González Barcia.

“Cando se postulou unha persoa vinculada ao noso partido, Pedro Chao, para este cargo en Burela, explicounos punto por punto unha lexislación que agora parece esquecer e tratounos case de delincuentes“, expón o secretario xeral dos socialistas burelaos.

ASESOR DA DEPUTACIÓN

Compromiso por Galicia de Burela emitiu un comunicado este martes no que asegura que “as probas demostran que Rouco incumpriu a normativa e salpican ao delegado territorial da Xunta, como José Manuel Balseiro, ou á presidenta do partido en Lugo, Elena Candia“.

CxG considera “probado” que Rouco exerceu como xuíz de paz de Cospeito “mentres exercía como asesor de nivel tres da Deputación Provincial de Lugo, entre o 11 de agosto de 2015 e o 8 de outubro de 2015″. Tamén está acreditado, asegura o voceiro, José Luis Moñita, que “Rouco era afiliado do PP nesta época”.

O TSXG, “GARANTÍA DE LEGALIDADE”

O candidato dos populares, pola súa banda, apela a que foi “nomeado dúas veces” como xuíz de paz de Cospeito pola sala de goberno do TSXG, o que ao seu xuízo “é a mellor garantía de que a veciñanza de Burela pode estar tranquila“.

“Isto é unha maniobra de distracción para desprestixiar e que non se fale do que non se fixo estes anos”, afirma.

Rouco critica que PSOE e CxG están “a insinuar prevaricación por parte dun Tribunal que é o cumio da organización xudicial na nosa comunidade”.

Respecto das acusacións de incompatibilidade, o candidato do PP afirma que a lei contempla “excepcionalidades“, aínda que non precisa que punto da lexislación as permite e en que casos e que documentación presentou. “A mellor proba de que non se incumpriu a normativa é que foi o TSXG quen me nomeou e ratificou”, insiste.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...