David Álvarez repetirá como candidato do PP á alcaldía da Pontenova

O alcaldable dos populares denuncia a "parálise" do municipio, "sen apostas polos sectores industrial e turístico"

David Álvarez Gutiérrez. AXM

David Álvarez Gutiérrez repetirá como candidato do PP á alcaldía da Pontenova, segundo confirmou este mércores o partido conservador.

Álvarez, médico de profesión, desenvolve esta tarefa no municipio dende o ano 2011. Foi cabeza da listaxe electoral do PP no municipio nos comicios electorais do 2015 e dende entón é voceiro do grupo municipal popular.

O candidato popular asegura que “o goberno socialista está instalado na mentira. Aseguraban a apertura da residencia de maiores e centro de día cando en realidade no rexistro do Concello non consta sequera ningún contrato de compra-venda dos terreos necesarios para a súa construción”, afirma.

Álvarez censura “a falta de iniciativa por aumentar o polígono industrial que favoreza o crecemento das industrias que o requiren e que mesmo teñen anunciado o seu desexo de marchar da Pontenova ante a falta de solo”.

O alcaldable do PP tamén critica “a falta dunha aposta polo turismo que se traduce na falta de oportunidades para os comercios e locais hostaleiros”. Álvarez cre que “é necesario un cambio” e promete “potenciar os sectores industrial e turístico”.

OPOSICIÓN “CONSTRUTIVA”

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, subliña que “os populares da Pontenova traballaron facendo unha oposición construtiva, achegando ideas que incluso chegaron a impulsar dende o equipo de goberno”, e censura que “o executivo municipal ten sumido ao municipio unha parálise despois de doce anos nos que non se fixo nada”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here