A Xunta licita o treito Riotorto-Vilameá da LU-124

O Goberno galego mellorará o firme a seguridade na estrada cun investimento de 604.000 euros

Presentación do proxecto. AXM

A Xunta de Galicia licitou as obras de mellora do treito da estrada autonómica LU-124 que vai de Riotorto a Vilameá, na Pontenova. O orzamento destinado ás actuacións pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda é de 604.000 euros.

O proxecto aliviará deste xeito unha estrada que presentaba un trazado deficiente, un problema ao que se une a constante presenza de néboa, que dificulta o tránsito. Favorécese así a comunicación de Riotorto ou A Pontenova coa autovía do Cantábrico, a A-8.

as actuacións facilitarán a conexión coa autovía do cantábrico

As actuacións consistirán na extensión dunha capa de rodaxe de aglomerado no treito comprendido entre a saída da travesía de Riotorto e o final da estrada de Vilameá, na intersección coa estrada N-640. No tocante á seguridade, reforzarase a sinalización vertical, substituiranse os postes das barreiras de seguridade e colocaranse novos tramos de sistemas de contención. Tamén se construirán cunetas de formigón para a mellora da drenaxe, que ampliarán a superficie practicable. O prazo de execución dos traballos será de catro meses.

Asistiron á presentación do proxecto o alcalde de Riortorto, Clemente Iglesias, o tenente de alcalde da Pontenova, Francisco Martínez, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro. O representante do Executivo autonómico resaltou que a mellora da vía “atende unha petición” do rexedor riotortense e acadará “unha circulación máis segura e confortable para os usuarios da vía”.

TRES MILLÓNS NA LU-124

Na actualidade estanse a realizar obras entre Lindín e a Cruz da Cancela. Segundo Balseiro, ao remate das dúas actuacións pendentes, o investimento do Goberno galego na LU-124 “superará os tres millóns de euros”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here