A Pontenova bonificará o 95% do IBI a 100 explotacións agrogandeiras

O pleno aprobou por unanimidade a medida, que exercerá como contrapeso á revisión do Catastro

Tres dos edís do goberno pontenovés. AXM

O Pleno Municipal da Pontenova aprobou por unanimidade unha proposta do goberno local para que o Concello asuma o 95% do Imposto sobre os Bens Inmobles (IBI) das explotacións agrícolas e gandeiras do municipio. A primeira tenente de alcalde, Isabel Couto, sinala que a medida “beneficiará a uns 100 gandeiros”.

O GRAVAME É DO 0,65%

Na Pontenova, o tipo de gravame para os bens inmobles de natureza rústica é do 0,65%, que contará cunha reducción do 95%. A aprobación desta medida pretende exercer de contrapeso á revisión do Catastro -iniciada no 2013 e que quedará completa en Galicia no mes de xullo-, que obrigou a pagar a contribución por cortes, alpendres e outras instalacións agrícolas, que ata entón estaban exentas. “Algún gandeiro asegurounos que pasou de aboar un prezo simbólico a máis de 600 euros”, sinala Couto.

PLAN ECONÓMICO FINANCIEIRO

Varios concellos adoptaron xa esta medida, á que A Pontenova se sumou, segundo a tenente de alcalde, en canto puido. “Estivemos suxeitos a un plan económico financieiro e hai tempo que queriamos tomar esta decisión. Aforraremos o custe a preto dun cento propietarios de explotacións agrícolas e gandeiras, que xeran riqueza e emprego”, asegura. Por agora, o Concello non ten unha previsión exacta dos cartos que deixará de ingresar por esta bonificación.

Couto asegura que a medida ten como obxectivo “promover a actividade económica no concello, especialmente no ámbito rural. Así, imos facer unha redución significativa á veciñanza nos impostos das actividades relacionadas co sector primario e coa actividade agrogandeira, que supoñen o piar fundamental da nosa economía”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here