InicioPolíticaO PSOE presenta unha candidatura para "acabar coa apatía" en Barreiros

O PSOE presenta unha candidatura para “acabar coa apatía” en Barreiros

Benito Longarela será o número 2 da listaxe, que comanda de novo Carmen Veiga

Publicada o

- Advertisement -

O PSOE presentou o pasado venres a súa candidatura á alcaldía de Barreiros para as próximas eleccións municipais, que encabezará de novo a actual voceira socialista, Carmen Veiga.

Participaron no acto o Secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos; o candidato ao Senado, César Mogo; a candidata ao Congreso, Sonsoles López; e a presidenta de honra da agrupación, Pilar Cancela.

Benito Longarela Geada, que no 2015 pechou a listaxe dos socialistas, sube á segunda posición da candidatura dos socialistas de Barreiros, mentres que María de la Luz Rodríguez Rico será a número 3.

Felipe Fernández Recalde ocupará o posto 4; José Antonio Otero Ramos, o segundo da candidatura de 2015, a quinta praza; Jorge David Vázquez Grande, a sexta.

Ángeles López López, Adrián Longarela Otero, Silvia Otero Monroy, José Terrón Cantil e Juan Francisco Javier Acedo Gordo completan a listaxe, que contará como suplentres con Miguel Ángel Barrera Longarela e María Ángeles Moirón Otero.

Veiga remarcou que se trata “dunha listaxe renovada, con caras novas e xente con experiencia, de diferentes sectores da sociedade e na que todos son militantes do PSOE”.

“A candidatura está integrada por persoas das parroquias de Celeiro de Mariñaos, San Xusto, San Cosme, San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante. Hai peóns, mecánicos, limpadoras, administrativos, xubilados, economistas, profesionais de asistencia a domicilio, electricistas e profesores de primaria”, expuxo a candidata dos socialistas barreirenses.

CRÍTICA Á PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS

Veiga asegurou que “os esqueletes cos que contamos na actualidade en Barreiros, edificios sen terminar, aos que o goberno do PP non lles cobrou o IBI tendo unha débeda superior aos 300.000 euros”, son “un exemplo da apatía de Alonso Fuente Parga”.

A candidata tamén criticou que o alcalde “privatizou os servizos públicos municipais como o mantemento dos alumeados, as estradas, o saneamento… Todo o que puido. Son as políticas do PP, vai no seu ADN”, afirmou.

POÑER BARREIROS “NO MAPA”

A candidata socialista subliñou que “queremos aproveitar as oportunidades que nos ofrece o territorio impulsando todo tipo de iniciativas que potencien o turismo e a economía do noso municipio, ademais de garantir servizos sociais básicos, como a axuda no fogar ou a teleasistencia, e poñer en marcha o necesario centro de día“, precisou.

“Desenvolveremos un proxecto de saneamento integral do municipio no que progresivamente vaiamos facendo actuacións para solucionar os problemas actuais e demandaremos á Xunta de Galicia que deixe de bloquear a EDAR de San Miguel de Reinante. En definitiva, queremos poñer Barreiros no mapa outra vez tras tantos anos esvaecida”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...