Eloi Cabanas, candidato do BNG de Mondoñedo: “hai que frear a caída demográfica”

O bombeiro forestal, de 41 anos, encabezará a listaxe dos nacionalistas mindonienses para as vindeiras eleccións municipais

Eloi Cabanas. AXM

A asemblea local do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no concello de Mondoñedo anunciou que o novo cabeza de listaxe para as eleccións municipais de maio será Eloi Cabanas Ramos.

Cabanas (Vilamor, 1977) é técnico superior en xestión de recursos naturais e paisaxísticos e técnico especialista en explotacións agropecuarias. Na actualidade traballa como bombeiro forestal.

O candidato do partido frontista xa substituíra ao anterior alcalde de Mondoñedo, Orlando González, no posto de voceiro do BNG local.

O novo cabeza de listaxe apunta que a súa formación nacionalista está “a piques de cerrar a candidatura” e que se está a elaborar o programa electoral para os comicios do mes de maio.

Cabanas destaca o traballo realizado nestes últimos catro anos desde a oposición, “poñendo derriba da mesa propostas e alternativas que evidencian a necesidade de que o BNG estea no Concello con forza para liderar un goberno capaz de desenvolver, todas esas iniciativas que lograron aprobar no concello e que o goberno popular de Elena Candia, coa cabeza noutros lados, non soubo sacar a diante”.

“FALTA DE OPORTUNIDADES” PARA A MOCIDADE

“Mondoñedo ten un problema demográfico moi grave que afecta ao dinamismo económico do concello. Temos unhas das estruturas de idade máis envellecidas da comarca cunha perda de poboación do redor de 80 habitantes ao ano”, subliñou.

“No BNG temos as ideas claras do modelo de concello que queremos para Mondoñedo, un concello coidado, con vida e onde a nosa mocidade non se vexa obrigada a marchar por falta de expectativas ou oportunidades de traballo”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here