O BNG de Barreiros presenta lista co máximo de candidatos permitido

Ana Ermida encabeza unha lista para as eleccións locais con ata dez suplentes, o que a xuízo da alcaldable demostra "o bo momento" do partido frontista no municipio

Candidatura do BNG de Barreiros. AXM

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Barreiros anunciou a candidatura coa que concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio. Ana Ermida encabezará a lista, tal e como avanzara o partido frontista no pasado mes de xullo.

O BNG de Barreiros destaca que conforman a listaxe 21 persoas, o número máximo permitido pola lexislación electoral, con once candidatos titulares e dez suplentes.

O deputado provincial Antonio Veiga será o número 2 da candidatura, mentres que a enfermeira Montse Porteiro ocupará o posto 3, sendo o catro para o axente medioambiental Dámaso Ratoeira. Estes tres edís, xunto con Ermida, conformaron o grupo municipal nacionalista os últimos catro anos.

A quinta praza será para o mestre Daniel García Fernández, mentres que a tamén docente Noela Fernández Soto irá no posto 6. Cándido Álvarez Veiga, gandeiro xubilado, ocupará o número 7 da candidatura nacionalista en Barreiros, e a profesora Ofelia Cebrián Paz o 8.

O noveno posto é para Diego Vizoso Castro, mecánico. A enfermeira Marta Castrillón Freire ocupará a décima praza, e o gandeiro Miguel Ángel Vilar Rego a décimo primeira.

Ata dez suplentes presentará o partido frontista para os vindeiros comicios locais. Serán Miriam López Ramos, camareira; Xoán Manuel Díaz Branco, sindicalista; Sarai López Rocha, estudante; Pedro Villar Rodríguez, torneiro-fresador; Minerva Bermúdez Montenegro, xubilada; Xoán Antonio Fernández Sante, palista; Luzía Pérez García, xestora de equipos nunha cadea de moda; Carlos Baamonde Bermúdez, deseñador gráfico e estudante de xornalismo; Gloria Pérez Rodríguez, traballadora do sector servizos, e Xesús Díaz Blanco, economista e asesor fiscal e contable.

NOVE INCORPORACIÓNS

A cantidade de candidatos “é a mostra máis palpable do bo momento polo que atravesa o BNG en Barreiros”, argumenta a candidata, que subliña que das 21 persoas que compoñen a listaxe, “nove delas son novas incorporacións, fundamentalmente de xente moza que “demostra que as mozas e mozos deste concello queren poder vivir e traballar no lugar onde naceron”.

“APOSTA POLA MOCIDADE”

Así, Ermida destaca que López Rocha é a máis persoa máis nova do grupo, con 21 anos, e que García Fernández, Vizoso, Cebrián, López Ramos e Baamonde non superan a trintena.

“A incorporación de xuventude á nosa candidatura foi un obxectivo fundamental, porque queremos demostrar que hai futuro e que ese futuro pasa por un cambio de goberno e polo BNG”, sostén Ermida.

A candidata do BNG barreirense conclúe que “somos un equipo integramente barreirense, ao que o único que o move é o interese por desterrar do noso concello as políticas que están condenando a Barreiros a ser obxecto constante de novas negativas“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here