Pontón reivindica a Galicia como “nación pesqueira” en Celeiro e Feijóo visita a Semana Santa de Viveiro

A líder do BNG promete "defender os intereses" dos portos da Mariña Lucense e o presidente da Xunta tacha a Sánchez de "frívolo"

Feijóo, durante a súa visita á Semana Santa de Viveiro. AXM

O concello de Viveiro foi este mércores un dos epicentros da campaña para as eleccións xerais na nosa comunidade, logo de que visitasen o municipio tanto o presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, como a voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón.

O responsable do Goberno galego visitou a Semana Santa viveirense acompañado do número 1 dos conservadores ao Congreso dos Deputados por Lugo, Jaime de Olano, e do candidato do Partido Popular (PP) á alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez.

Horas antes, nun mitin en Vilalba, Feijóo vendeu ao PP como “seguro” e “garantía de xestión” e cargou contra a figura de Pedro Sánchez, un socialista co mesmo programa que José Luis Rodríguez Zapatero, pero ao seu xuízo “co dobre de frivolidade e a metade de principios“.

Feijóo subliñou que España “vai ter que volver enfrontarse a unha desaceleración para a que hai que estar preparados, posto que segue habendo un problema de emprego, especialmente xuvenil. Diante diso, non podemos tropezar por terceira vez na pedra do paro, que é o PSOE“, afirmou.

ZONA ALTAMENTE DEPENDENTE DA PESCA

Pola súa banda, Pontón visitou Porto de Celeiro, na compaña da candidata ao Congreso por Lugo, Maite Ferreiro, da deputada parlamentaria Olalla Rodil e da alcaldable dos nacionalistas no municipio, Miriam Bermúdez. A voceira nacional do BNG mantivo un encontro cos responsables do peirao celeirense, que xunto coa lonxa de Burela, “son un exemplo da capacidade do sector pesqueiro”.

Eduardo Míguez, director adxunto de Porto de Celeiro, con Pontón e demais representantes do BNG. AXM

“Celeiro e Burela deixan claro que Galicia é unha potencia pesqueira con talento, empuxe e innovación, capaz de facer grandes cousas cando nos deixen”, salientou Pontón. “E para que nós deixen”, alegou, “é preciso ser decisivo na política do Estado con voz propia da man dos deputados e deputadas do BNG tralo 28 de abril”.

Pontón comprometeu que os representantes do Bloque “van dar a cara polos intereses do sector á hora de negociar orzamentos, investimentos e cotas de pesca fronte a un PP e un PSOE que xa demostraron desde o Goberno como traizoan os intereses dun sector estratéxico para este país”.

A líder dos nacionalistas avanzou que, nun Congreso sen maiorías absolutas, o BNG defenderá para Galicia “o status de zona altamente dependente da pesca ante a Unión Europea, porque iso permitirá obter máis fondos e máis cota de pesca”.

Pontón tamén se referiu ás declaracións da candidata do PP, Cayetana Álvarez de Toledo, no debate de TVE cando aludiu “á cousa esta do feminismo“. A voceira nacional do BNG acusou á representante dos conservadores de “banalizar” a loita pola igualdade real e instou a aclarar a Feijóo se “comparte o discurso machista” da dirixente da súa formación política.

EN MAREA, EN FOZ

Tamén estivo na Mariña Lucense este mércores a candidata ao Congreso de En Marea, Cristina Pérez Herraiz, que participou nun mitin na sala Bahía de Foz acompañada de Javier Arca Uría, número 2 á Cámara baixa e Manuel Germade Mayo, aspirante ao Senado.

Pérez Herraiz comprometeu facer da bisbarra o polo de desenvolvemento que lle corresponde ser na provincia grazas á potencialidade e calidade do sector pesqueiro, do importantísimo sector turístico e ao aproveitamento do medio natural e de industrias como Alcoa.

Acto de En Marea en Foz. AXM

Tamén adquiriu o compromiso de dotar a Galicia dunha representación política á súa altura que faga posible colaborar na gobernabilidade do Estado sen comprometer as nosas propias necesidades específicas.

Pérez tamén falou da situación das mulleres e asegurou que “non daremos marcha atrás na defensa dos nosos dereitos nin permitiremos que nos digan quenes somos nin o que podemos facer”, concluíu.

O XOVES, CABALLERO EN BURELA

O líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, estará na Mariña Lucense este xoves, na presentación da candidatura dos socialistas de Burela. Ana Prieto Nieto, candidata ao Congreso por Lugo; César Mogo, candidato ao Senado pola provincia, e Álvaro Santos Ramos, secretario xeral do partido socialista a nivel provincial, apoiarán ao alcalde, Alfredo Llano. O evento comezará ás 12.00 horas, no salón de conferencias.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here