O PSOE promete en Ribadeo un plan de turismo que teña en conta á veciñanza

Cunha estratexia ata 2030, os socialistas aspiran a "deixar de abusar das visitas estacionais"

Acto do PSOE en Ribadeo. AXM

PSdeG-PSOE propuxo en Ribadeo a creación dun Plan Integral de Turismo. Fíxoo nun acto que contou coa presenza da candidata ao Congreso, Sonsoles López Izquierdo, o candidato ao Senado, César Mogo, e a alcaldable do PSOE de Ribadeo, Marta Rey, que acompañaron ao secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos.

O proxecto, cunha estratexia ata o ano 2030, aspira a “desenvolver unha xestión responsable e cooperativa entre os Concellos, as Provincias, as Autonomías e o propio Estado”, indicou Santos Ramos.

A estratexia pivotará sobre catro eixos: as persoas, que son o centro da estratexia e son fundamentais para manter o atractivo e ofrecer os servizos necesarios aos turistas; as empresas, pois son o fío condutor; as institucións, responsables da impulsión, difusión e investimento dos recursos; e o propio territorio, pola súa ordenación, conservación, vertebración e ocupación”, resumiu Santos Ramos.

“Debemos ser capaces de deixar de abusar do turismo estacional e do consumo masivo para acadar visitas sostibles medioambientalmente, socioeconomicamente e territorialmente. Esa é a estratexia do PSOE que nos levará a un paradigma de oportunidades para todos, non só para os explotadores e para os viaxeiros, se non para a sociedade que o ocupa”, argumentou.

100.000 VISITANTES E 17.000 PEREGRINOS

Neste eido, Santos Ramos destacou que “Ribadeo é un dos exemplos máis claros que temos na provincia da importancia do turismo para os veciños, pois recibe máis de 100.000 visitantes e 17.000 peregrinos ao ano. Este sector temos que atendelo porque é unha oportunidade, pero para iso hai que xestionalo e estruturalo”, explicou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here