O Partido Popular (PP) de Foz desvelou parte da súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais. Os conservadores anunciaron que que formarán parte da lista os actuais concelleiros Pedro Fernández Manín, Antonio Hermida e Ánxel Paleo.
Segundo expón o alcalde e candidato dos populares, Javier Castiñeira, na lista non figura a edil Mercedes González, delegada de política social e sanidade, porque “esperamos que sexa elixida deputada no Congreso”, asegura o rexedor.
O responsable do PP focego explica sobre González que “entendemos que vai ser unha das persoas que vai estar aí representándonos no Congreso dos Deputados. Entendemos que o Partido Popular vai formar goberno durante estes próximos catro anos e para nós é importante ter unha persoa da nosa confianza no Congreso dos Deputados e no equipo de Pablo Casado”, asevera.
Manín ocupou o posto de primeiro tenente de alcalde e de edil de obras, medio rural e mar, mentres que Paleo exerceu como concelleiro de cultura, deportes e festas. Hermida -delegado de medio ambiente e turismo- foi o último en entrar no equipo de goberno, en novembro de 2017, trala renuncia de Maite López Rego (non Teresa Rego, como por erro publicou Xornal da Mariña).
“Para min son tres puntais que achegan experiencia e proximidade, que coñecen perfectamente as necesidades do pobo e aos que estes últimos anos lles serviron para ter un coñecemento do núcleo urbán e das parroquias moi importante”, afirma Castiñeira.
NOVIDADES
O candidato popular avanza que “nos próximos días iranse presentando diferentes novidades, caras novas que se unirán á veteranía destes tres concelleiros. Estamos contentos porque se fixo unha lista variada, con experiencia e con xente nova”, asegura.