O PSOE de Foz atribúe a débeda ao anterior inquilino e afirma que se ofreceu para pagala

Castiñeira afirma que Intervención "é clara" sobre o impago, mentres que os socialistas explican que se lles reclama "1.546 euros e non 4.719" que asumiron do arrendatario precedente

Acto do PSOE focego. AXM

A controversia trala afirmación do Partido Popular (PP) de Foz de que o PSdeG-PSOE focego debe “4.719 euros” en concepto de lixo, saneamento e limpeza do seu local continuou este mércores.

O pasado día 22, o secretario do PP focego, Juan Rivas Nécega, acusaba aos socialistas de “non regularizar o contrato do local en vinte anos” e instaba ao PSdeG a aclarar se o espazo “non está dado de alta a nome do partido” e “como pretende cumprir” co pago da mencionada débeda.

Os socialistas responderon o pasado martes, cun comunicado no que instaron ao PP de Foz a “mostrar os documentos oficiais” nos que os populares basean unha “acusación que traspasa todos os límites e mancha o nome do Concello. Non hai unha soa factura a nome do PSOE focego sen pagar”, afirmaron.

Este mércores sumouse á polémica o presidente do PP focego e alcalde, Javier Castiñeira. O rexedor achega un informe de Intervención que “é claro, di que o PSOE non cumpriu coas súas obrigas cando foi inquilino e cando comprou ese local no ano 2005”.

Noutro documento, segundo os populares, “os propios socialistas admiten esa débeda ao pedir o pagamento fraccionado da mesma”.

“FACÍAN O QUE QUERÍAN”

Sen falar de cifras, tal e como fixo o secretario xeral do PP, Castiñeira sostén que o PSOE de Foz “propuxo incluso ao Concello pagar a débeda de forma parcial e ademais abonar só a parte que non prescribiu”. Para o rexedor, “un partido que foi de goberno e que lle esixe á veciñanza que cumpra coa legalidade debe pagar a totalidade desa débeda e non só o que prescribiu”.

O alcalde argumenta que os documentos “dan a entender que esta xente facía o que quería no Concello” e insta ao PSOE focego a “pedir perdón” ao “terceiro que foi afectado, ao PP e aos veciños de Foz”.

“BAIXA CATADURA MORAL”

Os socialistas desmentiron as acusacións do alcalde, ao que atribúen “falsas informacións, manipuladas e terxiversadas” coa “máis baixa catadura moral“.

O PSOE de Foz reitera que “non presenta ningunha factura impagada” e asegura que mercou a sede e trasladouse a ela no 2005, polo que “é imposible que xerara ningunha débeda desde o ano 1999”, como afirmaron os populares.

Os socialistas explican que “non puideron” facer efectivo no 2005 o cambio de titularidade “pola débeda acumulada do anterior inquilino, que segue ao seu nome. Era e segue sendo responsabilidade do Concello facer efectivo ese cobro, nas cantidades oportunas”, expoñen.

Neste senso, afirman que “o antigo debedor foi requerido de novo ao pago e púxose en contacto co PSOE, de xeito que nos ofrecimos para mediar e aboar a parte correspondente“.

Ademais, remarcan que “o que se está a reclamar nos documentos oficiais é unha cantidade de 1.546,38 euros, e non de máis de 4.500”, tal e como asegurara o PP nun primeiro comunicado.

“PROBLEMA HERDADO”

“O PSOE quere facer as cousas ben, non causar ningún problema e resolver un problema herdado do anterior inquilino aínda resultando perxudicado economicamente. Para iso se solicitou o pago da cantidade requerida ao anterior inquilino, que o alcalde en vez de tratar administrativamente aproveita para facer política de cloaca

Defenderemos os nosos dereitos para que ningún veciño sexa vilipendiado de novo”, afirmaron os socialistas, que afearon ao rexedor “sinalar a unha compañeira, Luísa Piñeira, a través das redes sociais colgando o seu domicilio familiar“. 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here